Arquivo do blog

CantoConto!: “Érase unha vez… un bosque”.

E pasiño a pasiño chegamos a última sesión de CantoConto! deste curso; antes, por suposto, da gran festa final que se celebrará en breve nas catro bibliotecas: Fórum (18 de maio), Sagrada Familia (23 de maio), Monte Alto (24 de maio) e Castrillón (25 de maio). En breve teredes máis información, estade moi atentos.

Nesta ocasión os protagonistas da tarde foron os bosques e os animais que viven neles. O noso amigo o bufo veunos visitar e contounos que lera un libro moi triste dun bosque feito enteiramente de lixo. Qué espanto! Non foi quen de acabar o conto. Menos mal que nos acordamos de que ese libro estaba na biblioteca, que o liamos e acababa ben. 

O conto titúlase “Érase unha vez… un bosque“, de Helen Ward con ilustracións de Wayne Anderson. Nel coñecemos a un ancián que vive nunha solitaria casa no medio dun bosque de lixo; o ancián reutiliza todo o que pode, pero cada noite soña cun verdadeiro bosque cheo de plantas e animais salvaxes e felices. Un día, unha vella lámpada rota daralle unha marabillosa idea…

As preciosas e poéticas ilustracións deste libro achégannos a un mundo onde podemos conseguir o que desexamos se poñemos empeño e ilusión. O noso amigo bufo quedou máis tranquilo ao descubrir que o conto remataba ben e que o lixo non acababa invadíndoo todo. Aproveitamos a ocasión para falar sobre a importancia de manter limpos a natureza en xeral e os bosques en particular.

E para celebralo decidimos contar outro conto, máis divertido e tamén cheo de animaliños do bosque: “Boas noites, bufo“, de Pat Hutchins. Pat gústanos moito, é a autora do divertido libro “O paseo de Rosalía“, e este non queda atrás: mentres o pobre bufo tenta durmir, as abellas, os estorniños, os corvos e moitos outros animais dedícanse a facer toda clase de ruídos e a non deixarlle descansar. Iso si, conseguirá o seu desquite antes de que termine a historia! Un conto acumulativo cheo de sons e de risas.

A continuación coñecemos as Maimiñas, unhas amigas que un día decidiron ir dar un paseo e acabaron dando a volta ao mundo, coñecendo outros países, culturas e cancións. Todos xuntos cantamos e bailamos “De safari“, unha alegre canción onde as feras campan ás súas anchas!

Hoxe recomendamos estas lecturas:

  • Las cuatro estaciones desde el gran árbol. Ilustrado por Britta Teckentrup; texto Patricia Hegarty. Bruño, 2015.
  • O meu pequeño animalario: a montaña e o bosque. Francesca Chiapponi, Marina Raffo e Patrick David; ilustracións, Olivier Verbrugghe. A Coruña: Bahía, D.L. 2009.
  • El grúfalo. Julia Donaldson; ilustraciones de Axel Scheffler.
  • Piñeiro (Kalandraka) de la colección Do berce á lúa. Antonio Rubio e Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka, 2014.
  • Solo en el bosque, Ian Beck. Juventud, D.L. 2001.
  • El Sr. Conejo y el regalo perfecto, Charlotte Zolotow. Ilustraciones de Maurice Sendak. Barcelona: Corimbo.
  • Juguemos en el bosque, Monica Bergna. Caracas: Ekaré, 2003.
  • El pequeño castor, Amy MacDonald e Sarah Fox-Davies. Barcelona: ING Ediciones, 2011.
  • Con las puntas de los dedos, Truus. Madrid: SM, 1999.
  • Hambre de lobo, Ignacio Sanz. Ilustraciones, Carlos Velázquez. Barcelona: Edebé, 2010.
  • Una noche en el bosque, Philippe Bertrand. Madrid: SM, 2007.

Deixámosvos algunhas fotos destas sesións, que, como sempre, compartimos na nosa conta de Flickr. Non vos esquezades de reservar a vosa invitación para a gran festa final con Migallas Teatro. Como sempre, abrirase a inscrición unha semana antes en cada biblioteca. Ata entón!

CantoConto!: Ti podes!
%d bloggers like this: