Arquivo do blog

Grazas por vir e… por favor, volvede!!

Hai unha lección fundamental que desde pequenxs nos prepara para saber dar as grazas, pedir as cousas por favor e pedir perdón cando se fai algo mal. Aprendemos que esas “palabras máxicas” son a base de todo, porque fan do mundo un sitio máis amable e acolledor. Non como simples fórmulas de cortesía, senón como base do respecto e a educación en calquera relación social. Por desgraza, aos adultos tamén se nos esquece de cando en vez utilizalas.

É por isto que nas Escolas que contan, a fase que pecha o ciclo do programa de Bebescolas, un oso panda algo malhumorado (pero bo tipo) foi o encargado de rescatar esta ensinanza. Non era outro que o prota de Por favor, señor Panda, a divertida e educativa historia de Steve Antony incluida dentro da colección Somos8 da Editorial NubeOcho.

34532467742_0dc0cc39d3_k-horz

O señor Panda, tras ofrecer as súas rosquillas, négallas ao seus interlocutores ante a incredulidade destes, e sen que nun primeiro momento cheguemos a entender o porqué. E así, tras toparse con distintos animais nunha secuencia reiterativa (e, polo tanto, fácil de seguir para xs pequenxs) o señor Panda crúzase no seu camiño cun cortés lemur, que ante o ofrecemento de rosquillas por parte do Panda responde cun “A min gustaríame comer unha rosquilla! Por favor, señor Panda”. É precisamente ese “por favor” o que levaba todo o tempo buscando o Señor Panda! Tanto que non lle dá unha rosquilla ao lemur, senón todas. Total, a el nin sequera lle gustan!

Para acompañar esta historia eliximos Mi cara, de Margarita del Mazo e Cecilia Moreno. Un divertido xogo que compara as partes da casa coas da cara, ideal para prelectores e/ou primeiros lectores polo seu texto rimado con moita dozura e as coloristas ilustracións.

Contos diferentes pero coa mesma vontade: achegar as mellores historias ao público miúdo e amosarlles a liberdade imaxinaria que se atopa detrás de cada liña, de cada personaxe, de cada portada. Agradecemos ás escolas participantes (EI Ventorrillo, EI Carmen Cervigón-Padre Rubinos, EI Agra do Orzán, EI Xénesis, EI Parrulos Ventorrillo, EI Nazaret e EI PSN Bicos) a implicación e o cariño que recibimos nas súas visitas á Biblioteca Ágora. Un ano máis se confirma que o noso traballo como biblioteca pública só ten sentido cando se fai da man da comunidade.

E patatín, e patatán… este curso chegou ó seu final! Ata o ano que ven!

%d bloggers like this: