Arquivo do blog

Mans arriba… crab revolution!

Ás veces tes sentimentos de tristeza? Dás brincos de felicidade? Que ocorre cando notas como os teus ollos se enchen de bágoas pero non estás enfadado/a? Repartes bicos a moreas ou pola contra sentes medo?… 

Deixando atrás as fresquiñas sandías e os doces xeados (xa degustados polos nosos usuarios e usuarias), achegámosvos unha nova proposta estival baseada na exploración das emocións e con cheiro a salitre. 

1. sniff… 2. ups… 3. go… 4. pirouette… 5. yeah… 6. HUG!

A mostra bibliográfica MANS ARRIBA… ISTO É UN ABRAZO! é a nosa particular revolución “cangrexil”. Crustáceos molones que recomendan lecturas coa fin de descubrir as emocións, coñecelas e falar delas.

Preme na imaxe para acceder á galería fotográfica do noso recuncho!

Á vosa disposición unha escolma de 50 títulos infantís. Historias xenéricas (Así es mi corazón e Emocionario), que tratan a afectividade (El primer beso, La gran fábrica de las palabras e Te quiero… casi siempre), que fan referencia á amizade verdadeira (Calma, Adiós manoplas, El león y el pájaro e Amigos), que deixan entrever os celos (Los fantasmas no llaman a la puerta e Cuando estoy celoso), que falan do enfado (Desavenencia), da tristeza (Grisela) ou dos medos (Mis pequeños miedos). Tamén contos nos que os personaxes se senten incomprendidos (Cuervo e Todos menos uno), amosan sentimentos de perda (Más allá del gran río), entusiasmo (El punto) e descubren o bo de ser diferente (Malena Ballena e Monstruo Rosa), entre outras propostas que poderedes curiosear nunha visita á Biblioteca.

Click and Hug me!

E como agasallo… este ticket canxeable por un ABRAZO! Máis nada que esperar a vosa visita coas MANS ARRIBA! Feliz entrada do verán e, por suposto, boa noite de San Xoán! Fire on Apple iOS 10.3

Advertisements

Unha Dola Tela Catola!

Sen teléfonos móbiles e con volta á infancia, camiñamos nunha mesma liña chea de palabras, xogos e moita rima!

Non é a primeira vez que facemos referencia ao traballo desenvolto coas Escolas Infantís da contorna (BbEscolas), mais si é a primeira que falamos dun traballo específico-mediador dirixido ao estudantado superior dos CIFP da nosa área de influencia.

Como axente en formación: o alumnado de 1º curso do Ciclo Superior Educación Infantil. Corenta rapaces e rapazas que voltaron á infancia para poñer en valor as diversas manifestacións folclóricas herdadas e deleitadas nos xogos infantís.

Alumnado de 1º CFGS Educación Infantil – CIFP Tomás Barros (A Coruña)

Resultante dunha necesidade precisa de paliar, como é a do traballo de recuperación do folclore infantil, compartimos con vós esta iniciativa, chea de recursos e aproveitable contido.

Para familias, persoal educador ou amantes da Literatura infantil… Unha, dola, tela, catola!

FOLCLORE POPULAR E LITERATURA INFANTIL

É innegable o peso que o folclore popular ten nas diversas manifestacións nas que se presenta a Literatura Infantil. De feito, son moitas as persoas expertas en materia que o defenden como fonte inicial para descubrir o significado e a función da literatura para nenos e nenas.

É por iso que dende idades temperás debemos deixar constancia da tradición vivida por nós mesmos e mesmas, para servirnos de enlace coas novas xeracións e que deste modo non se perda definitivamente a riqueza do popular, unha riqueza que vai en detrimento debido a influencia dos medios audiovisuais e as propostas de xogo que lanza a cotío a sociedade do consumo.

O noso labor como biblioteca é, en primeiro lugar, facer palpable esta necesidade para despois traballala conxuntamente dende unha achega básica que permita coñecer o legado do folclore infantil e posibilite a súa transmisión-comprensión, instrumentando a posibilidade de recuperación cos propios pequenos e pequenas.

A importancia do folclore popular na Literatura Infantil

Arrolos ou cantos de berce (poesías populares breves marcadas por un ritmo suave e relaxante que serven para adormecer aos bebés), xogos mímicos (propostas rítmicas que invitan ao xogo e nas que os dedos, o rostro e o esquema corporal se converten en contadores de historias, axudando ao neno e nena a coñecer e recoñecer o seu propio corpo), cancións e rimas (os cancioneiros populares como paso previo á maior parte dos xogos), contos de fórmula (contos populares e lúdicos que contribúen á organización do pensamento dos pequenos e pequenas e a exercitación da súa memoria), xogos rítmicos (abano de enredos nos que os movementos rítmicos e os versos son compañeiros permanentes) e adiviñas (diálogos de preguntas e respostas nos que se pon a proba o enxeño infantil) foron parte dos contidos que nutriron unha liña temporal acorde ao desenvolvemento evolutivo de 0 a 6 anos, dispoñibles para “recoller” e ser cómplices do noso obxectivo.

Folclore infantil e desenvolvemento evolutivo de 0 a 6 anos

Escoitade o marabilloso Tiroliro, deixade que os vosos bebés xoguen cos dediños en Este queixo, queixolán, espertade xuntos aos esqueletes mentres o reloxo marca as horas, durmide a Dona Carme, saltade á corda, xirade á roda e resolvede algún que outro enigma sobre o mundo que vos rodea. Accións tan sinxelas posibilitan que este traballo se vexa pouco a pouco reforzado e, dalgún xeito, recuperado.

Propostas prácticas arredor do Folclore Popular e Literatura Infantil

Nas nosas bibliotecas, variedade de materiais bibliográficos para dar continuidade a unha orixe ben bonita e moitas veces esquecida. Vinde con nós!

  • Arrolos de salitre. Xabier Díaz e Guillerme Fernández. Salitre, 2010.
  • Non hai berce coma o colo. Paulo Nogueira e Magoia Bodega. Pontevedra: Kalandraka, 2014.
  • Colección Cinco Dediños. Antón Cortizas. Zaragoza: Tambre, 2004.
  • Cancioneros populares: Chumba la cachumba | Mi burro enfermo. Caracas: Ekaré, 1998.
  • A que sabe a lúa?. Michael Grejnlec. Pontevedra: Kalandraka, 2007.
  • La casa que Jack construyó. Elizabeth Falcones. Barcelona: Lumen, 1998.
  • Dona Carme. Manuel Bragado e Pepe Carreiro. Vigo: Ir Indo, 1990.
  • Chirlosmirlos: enciclopedia dos xogos populares. Antón Cortizas. Vigo: Xerais, 2001.
  • Canciones de corro y comba. Enrique de León Ovejero. Salamanca: Amarú, 2006.
  • Folclore popular infantil: canciones, juegos, adivinanzas. Ana Serna. Madrid: Susaeta, 2001
  • Dedín, dedín de pequenequín: folclore infantil. A Coruña: Edicións do Castro, 1990.
  • Deditos y cosquillitas. Ana Pelegrín. Madrid: Espasa Calpe, 1994.
  • Cada cual atienda a su juego. Ana Pelegrín. Madrid: Cincel, 1984.
  • La aventura de oír: cuentos tradicionales y LIJ. Ana Pelegrín. Madrid: Anaya, 2004.
  • Y voy por una caminito: Carmen Bravo Villasante. Jaime García. Madrid: AELIJ, 1996.

… a literatura é a infancia recuperada. Grazas! 📖

Live · Love · Green

O segredo é não correr atrás das borboletas… É cuidar do jardim para que elas venham até você” Mário Quintana

E co desexo de que esas bolboretas cheguen até ao noso xardín plantexamos: MUNDO VIVO… PASAPORTE Á NATUREZA!

As bibliotecarias Violeta e Lupe amósannos algunhas das recomendacións "naturais" do Mundo Vivo

As bibliotecarias Vio e Lupe amosan algunhas das recomendacións “naturais” do Mundo Vivo

Mundo vivo é unha escolma de contos infantís que ten por obxectivo espertar o interese pola natureza e crear conciencia do coidado e preservación do medio ambiente.

… unha achega ás estrelas!

“Pregúntome se as estrelas estás acendidas coa fin de que cada un·ha poida atopar a súa algún día” – O Principiño (Saint- Exupéry)

Din que cada noite, o Sol se pon máis aló do horizonte e que os últimos raios pintan o ceo con infinidade de cores. Tamén din que cando chega a noite, esas cores dan paso a un escuro e profundo ceo cuberto de pequenas estrelas, miúdos astros que relocen con tanta forza que ata deixan entrever o máis grande que existe: o Universo no que vivimos.

É por iso que este outono vos queremos agasallar cun “boleto de ida e volta” para percorrer, a golpe de foguete, o noso particular espazo astral ou Milky Way.

Are you ready? 3, 2, 1… DESPEGAMOS!

Mostra bibliográfica de 0 a 8 anos

Érase que se era… un particular espazo estelar!

Co dobre obxectivo de espertar o interese polo mundo da Astronomía e estimular a curiosidade dende idades temperás, poñemos á vosa disposición a selección de contos MILKY WAY (ou Vía Láctea)… unha achega ás estrelas!

MILKY WAY (ou Vía Láctea) é unha escolma composta por cincuenta historias reais e de fición que vos permitirán viaxar no tempo e descubrir, a través de cada lectura, o que atesouran as galaxias, as estrelas, o sol e a lúa, e máis os planetas (que dan voltas de forma divertida e engaiolante).

Contos para achegarnos ao Universo

Violeta, unhas das nosas Bbtecarias, amósanos parte dos contos destinados a bebés de 0 a 3 anos

Como recurso á totalidade das lecturas, e coa fin de que o público miúdo poida afianzar a súa percepción xeral da natureza, poñemos á vosa disposición algunhas propostas didáctico-creativas para realizar na casa ou mesmo na escola:

Máis nada que vos convidar ao noso espazo para deixarvos levar polo amplo universo que temos montado (tamén expandido por riba dos 8 anos). De seguro que Ata o infinito… e máis alá! é un complemento perfecto para que poidades despegar dirección o ceo, tocar as estrelas e facervos cunha delas! Confeso que, hai tempo, xa gardei as miñas 🌟🌟

Felices lecturas ao ritmo do Starlight de Muse!

All You Need Is ICE-CREAM

AllYouNeedIsICE-CREAMChega o período estival e lugares como a sombra dunha árbore ou a beira do océano son espazos perfectos para que grandes e pequenxs se unan en torno á lectura.

Nas vosas mans un par de meses de descanso e desconexión; con tempo dabondo para fomentar o hábito lector e sentir a lectura como pracer, como un mundo máxico por descubrir, como instante que permite pensar, crear e soñar cos ollos abertos.

É por iso que este ano volvemos á carga cunha saborosa e ben fresquiña selección bibliográfica

Mostra Bibliográfica ICE-CREAM

Baixo o nome de All You Need Is ICE-CREAM (… soa apetecible…) compartimos unha carta de máis de corenta xeados ou historias de fición que, paralelamente, vos achegan receitas de temporada adaptadas ás manciñas cociñeiras dxs máis pequenxs. Para acceder ás mesmas só precisades pasar o teléfono móbil ou Tablet polo lector de códigos QR e… voilá! Unha xornada coas mans na masa!

AllYouNeedIsICE-CREAM.receitas

Como sobremesa, convidarvos a visitar o noso espazo ICE-CREAM, levar en préstamo algún dos xeados que temos á vosa disposición e desexarvos… BON APPÉTIT & ENJOY THE SUMMERTIME!

“Imprescindibles” nas lecturas miúdas

Mesturamos contos, arte e natureza para celebrar o Día da Biblioteca!

#VivaLaBiblio

#Vivalabiblio, campaña do Observatorio da Lectura e o Libro

O pasado sábado, 24 de Outubro, quixémoslle rendir unha pequena homenaxe á biblioteca e a todas aquelas persoas que a fan posible. Como vehículo, o desfrute dunha actividade de promoción lectora baseada na creatividade.

Amosamos a ilustración como método de aprendizaxe para traballar a lectura de imaxes e asesoramos/suxerimos ás familias na difícil tarefa de seleccionar os libros infantís, que faciliten o desenvolvemento e reforzo desta capacidade.

Así é que, un ano máis (e con este xa van tres), podemos dicir que arrancamos de novo cos BbEncontros!

A NOSA PRIORIDADE: O DESFRUTE DOS CONTOS

Son moitas as obras e autores/as que durante estes meses desexaríamos achegarvos, mais ás veces o tempo faise curto e limítanos a establecer prioridades.

O desfrute dos contos é unha delas. É por iso que fixemos unha pequena escolma de autores/as considerados/as como imprescindibles na formación lectora dos pequenos/as, cuxas obras conseguen o que para nós, e como consecuencia para vós, é a prioridade: ese desfrute do que facemos mención.

IMPORTANCIA DA OBRA DE ERIC CARLE

Eric Carle, primeiro imprescindible en aterrar na Bebeteca Ágora, é un recoñecido autor e ilustrador que posúe unha capacidade innata para producir o deleite estético nos máis pequenos/as, conseguindo que interactúen e se familiaricen co libro.

Na posta en práctica, puidemos observar como a súa obra, caracterizada pola técnica do collage, resulta moi chamativa para os bebés: invítalles á participación, desenvolvendo a súa imaxinación e xerando expectación e curiosidade.

BbEncontros Ágora_O mundo de Eric Carle

Galería fotográfica no Flickr das Bibliotecas Municipais

Coa fin de conseguir unha lectura entretida e divertida cun final sorprendente, conxugamos o dinamismo dos seus libros-xogo con textos sinxelos, repetitivos e rítmicos e ilustracións baseadas no emprego de cores vivas sobre fondos brancos.

A PEQUENA EIRUGA EN 3D

IMG_2611

Breve visionado da App no YouTube

Para rematar, achegarvos “A pequena eiruga larpeira e os seus amigos: xoga e descubre” unha App educativa que non hai moito descubrimos. Trátase dunha aplicación pop-up en 3D que contén oito xogos/actividades, sinxelas e divertidas, para tablets e móbiles.

Os pequenos/as poderán xogar coa “Eiruga larpeira” e con outras moitas personaxes creadas polo ilustrador Eric Carle, coas que tamén interactuamos durante a pasada sesión: Oso pardo, Grilo silencioso, Camaleón camaleónico, Dez patiños de goma, A xoaniña rosmona

Como reseña final, comentarvos que esta obra gráfica foi deseñada por Story Toys, un recoñecido estudio irlandés que acaba de recibir o primeiro premio na Bologna Children´s Book Fair 2015, en canto á categoría de aplicacións infantís de carácter literario se refire.

E con isto e un biscoito… vémonos no seguinte BbEncontro!

%d bloggers like this: