Arquivo do blog

“A espertar” – Bebencontro Final na Biblioteca Fórum

O vindeiro 27 de maio na Biblioteca Fórum celebramos o Bebencontro Final cos bebés de 0 a 24 meses. Este ano Estíbaliz Veiga e Erica González coa peza”A espertar” farán que os bebés desfruten sendo estimulados a través da música, da pantomima e a doce palabra. Emocións, cores, baile, cantos de berce… minutos inesquecibles para compartir en familia.

Agardámovos!

Lembrade que a inscrición será a partir do sábado 20 de maio ás 10:00h. en http://www.coruna.gal/bibliotecas

A espertar

Advertisements

Masaxe para bebés na sesión final dos Bebencontros do Forum

Rematamos os Bebencontros na Biblioteca Forum desta tempada, non nos queremos despedir sen antes agradecer a todas as familias, ás que puideron e ás que non puideron asistir, agradecer a vosa confianza e participación.

Nesta última sesión abordamos o tema da masaxe infantil. Contamos coa experiencia de Carla Console para realizar esta derradeira sesión da tempada.

f0344832

 A masaxe infantil é un instrumento de relación e de comunicación entre o neno e as súas persoas de apego, como unha ferramenta que promove a nutrición afectiva a través do tacto.

O desenvolvemento infantil durante os primeiros anos de vida caracterízase pola adquisición progresiva de control postural, autonomía no desprazamento,  comunicación, a linguaxe verbal e a interacción social. Por tanto, a etapa 0-3 supón un período crítico no desenvolvemento humano debido ao nivel de plasticidade cerebral do sistema nervioso central. O sistema nervioso do neno desenvólvese grazas a dúas fontes principais: a dotación xenética e o procesamiento dos estímulos externos.

Os cinco sentidos son a porta de entrada destes estímulos, mentres que o cerebro é o procesador. Sendo a pel é o noso órgano máis grande, por tanto o sentido do tacto ten moita importancia desde as primeiras etapas.

  • Durante a xestación: O tacto é o primeiro sentido en desenvolverse dentro de útero (entre 6ª e 9ª semana).
  • No nacemento: O tacto continúa sendo o sentido máis potente de todos.
  • Cando o neno crece comeza a tocalo todo. Trátase dun modo primario de aprendizaxe: pode ver os obxectos que o rodean, pero non está satisfeito ata que tamén pode manipulalos.

This slideshow requires JavaScript.

A necesidade do tacto é tamén un dos elementos fundamentais no  establecemento do vínculo afectivo (apego). De feito durante a masaxe activamos: contacto ocular, cheiro, contacto pel con pel e voz.

A medida que os nenos van crecendo, o contacto ocular e a voz do adulto non son suficientes para manter a atención durante o momento da masaxe, en particular durante a fase de explosión motriz. Así mesmo, durante este momento evolutivo é fundamental achegar unha dose importante de creatividade á masaxe infantil: cancións, xogos e contos sobre a pel.

Os contos con tacto achégannos ao mundo da masaxe infantil dunha maneira lúdica, fomentando a fantasía e a imaxinación necesarias cando os nenos crecen. Nesta ocasión mixturaremos verbas e tacto, poesías e masaxes.

Agardamos que participedes nos vindeiros Bebencontros da tempada que vén e que veñades a escoller lecturas para o verán. Querémosvos deixar unhas recomendacións para que vaiades abrindo boca…

#Recomendamos Beba

 

 

 

  • Masaje para bebés: una guía paso a paso para lograr su bienestar / Mercé Simón, Marián Sánchez, Queca Elizalde.– 2ª ed.– Barcelona: Parenting, 2005.
  • Shiatsu para bebés: contactos felices para los más pequeños / Karin Kalbantner-Wernicke; Tina Haase.– Barcelona: Urano, 2013.
  •  ¿Qué te pico la hormiga de los pies a la barriga? / texto, Isaías Isabel; ilustraciones, Pablo Prestifilippo.– México: CIDCLI, 2003.
  • Diez amigos / Inés Rosales, Elena Odriozola.– Zaragoza: Imaginarium, D.L. 2002.
  •  Los disfraces de Tento / Ricardo Alcántara, Gusti.– Zaragoza: Edelvives, cop. 2010.

 

“A Flor de Pel”, obradoiro de masaxes proximamente na Biblioteca Forum

Queremos despedir os Bebencontros da Biblioteca Forum dun xeito especial, e que mellor maneira que dun xeito moi próximo, cunha sesión de masaxes. Aprenderedes da man de Carla Console (Boga Psicólogos) o fundamental sobre esta técnica ancestral e descubriredes a importancia do sentido do tacto na relación co voso bebé. Neste obradoiro atoparedes recursos e ideas para desfrutar de moitos momentos de tenrura e diversión cos vosos fillos.

Así que, as familias con bebés de 0 a 24 meses podédesvos inscribir desde a páxina web das Bibliotecas Municipais da Coruña a partires do sábado 21 de maio ás 10.00h. Non vola perdades! Agardámosvos o 28 de maio!

 

 

Bebencontro na Biblioteca Infantil e Xuvenil: 1, 2, 3, movendo o meu corpo da cabeza aos pés

Coma sempre os nosos encontros tentan darvos ideas para que a través da lectura, o xogo e a música fomentar o desenvolvemento dos máis pequenos.
Nesta ocasión adicamos as sesións para traballar as partes do corpo a través da psicomotricidade e así, entre outras cousas, favorecer o proceso de desenvolvemento da identidade, xa que entre o nacemento e os 6 anos é cando se forma a personalidade; aquí xoga un papel moi importante a estimulación temperá.

Neste desexo de achegarvos todas aquelas ferramentas dispoñibles nas bibliotecas decidimos traballar con diferentes contos, libros, cds musicais… Aquí vos deixamos unha mostra:

¡Muevase, Señor Coc!¡Muevase, Señor Coc!, da ilustradora e escritora Jo Lodge co que a través dos Bebé feliz: masajes, yoga, aromaterapia y otras técnicas para el desarrollo integral de tu hijomovementos dos diferentes animais imos descubrindo as partes do noso corpo: o tronco, as pernas, os brazos…

Co libro Bebé Feliz de Sheena Meredith aprendemos unhas posturas de ioga moi divertidas, que axudan ao desenvolvemento, liberación da tensión…

Ademáis coñecemos novas historias como Los diez Amigos, libro descatalogado do escritor e ilustrador Ziraldo, co que aprendemos cantos dedos temos en cada man, como se chama cada un e a que lles gusta xogar.

Rematamos a ximnasia cunha canción moi divertida, movendo todo o corpo, rematamos cansos, pero cun sorriso na cara. Aquí vola deixamos para que movades o esqueleto: “Mueve tu cuerpo”

Para despedir estas sesións tan estimulantes que mellor que unha canción dun dos nosos libro-discos preferidos

Té, Chocolate e café do grupo Golfiños   

Libro disco Té, chocolate, café

Libro disco Té, chocolate, café

Adeus, goodbye, ciao, aburiño

Adeus, au revoir, arrivederchi

Adeus, goodbye, ciao, aburiño

Adeus, goodbye, adeus, adeus

Adeus, adeus, adeus, adeus

Bicos ós meus, bicos ós teus

 Ata mais pronto, ata mais ver.

Non esquezades que podedes descubrir moitas outras cousas interesantes nas Bibliotecas Municipais, visitándonos ou a través do noso catálogo web.

Aquí vos deixamos un pequeno recordatorio do que foron as sesións, e recordade que sempre as poderedes voltar ver na galería de Flickr que temos as Bibliotecas.

This slideshow requires JavaScript.

A música envolveunos na Festa final dos Bebencontros da Biblioteca Infantil e Xuvenil

O sábado pasado, 16 de maio, previo ao noso Día das Letras Galegas, quixemos despedir os Bebencontros da Biblioteca Infantil e Xuvenil como se merecen, con contos, con música e moito cariño. Porque pensamos que libros, música e cariño é unha das mellores combinacións para que as familias leven un bo recordo de tódolos momentos compartidos dende outubro nos Bebencontros que fixemos.

This slideshow requires JavaScript.

Paco, de Paula Carballeira. Ed. Kalandraka

Paco, de Paula Carballeira. Ed. Kalandraka

E como mestre de cerimonias acompañounos Pablo Díaz, que nos transportou á lúa xunto a Paco, ese Paco que quería saboear un anaquiño de lúa. E meceunos, co son das frautas, unhas moi moi especiais que nos “falaron” cos seus distintos sons, que nos transportaron a un mundo cheo de notas musicais, de verbas, de rimas con cores. Un mundo cheo de letras e ritmo agochado na Biblioteca.

Porque, como xa falamos no blog noutras ocasións, a música favorece o desenvolvemento dos bebés (e non tan bebés), e a estimulación musical pode, e debe, formar parte dos xogos dos máis pequenos de forma natural. Tamén recordamos que nas Bibliotecas temos combinacións perfectas de historias e música, os libro-cd, que podedes ir descubrindo cos máis pequechos pouco a pouco, de moi diversas formas: cantándolles, contándolles (porque a vosa voz é a perfecta para escoitalos) e ata bailándoos.

Deixámosvos unha selección de libros-CD que de seguro vos gustará; algúns xa moi coñecidos, como os do noso acompañante Pablo Díaz.

  • Cartas que veñen e van, de Susa Herrera con Mamá Cabra. Ed. Primerapersona.
  • Todos os animais ó caixón, de Susa Herrera con Mamá Cabra Ed. Primerapersona.
  • Animais encantadores, de Susa Herrera. Ed. Primerapersona.
  • Cantos rodados, de Mamá Cabra. Ed. Primerapersona.
  • Cantos mirados, de Mamá Cabra. Ed. Primerapersona.
  • Cantando comigo, de Mama Cabra. Ed. Dirección Xeral de Política Lingüística.
  • Tan só con leres un libro, de Mamá Cabra. Ed. Discmedi Blau.
  • Patatín Patatán, de Mamá Cabra. Ed. Escóitame.
  • Cantando, cantando, de Mamá Cabra. Ed. Primerapersona.
  • Ola, ola, la!, de Mamá Cabra, cun conto de Gloria Sánchez e ilustracións de Kristina Sabaite. Ed. Galaxia.
  • Xa me tardan estes magos, de Mamá Cabra. Ed. Galaxia.
  • Bicos de música, de Mamá Cabra. Ed. Galaxia.
  • Tic Tac, de Pablo Díaz. Ed. Kalandraka.
  • Toc, toc, de Pablo Díaz. Ed. Galaxia.
  • Xente miuda moita fartura, de Pablo Díaz.

Nesta festa non podiamos deixar de participar do ritmo, da música e das emocións que entre todos fomos recollendo estes meses atrás, rodearnos de contiños cantados, de ritmos que invitaban a non deixar de moverse. Esa era a excusa que tiñamos para abrir de novo as portas á maxia na Biblioteca. Gracias por compartir con nós tantos sorrisos.

Pero como tódalas etapas, esta tamén chegou ao seu remate e na Biblioteca Infantil e Xuvenil despedímos (só por uns meses) para coller folgos e voltar con ilusións e propostas renovadas! Eso si, recordade que aínda que non haxa Bebencontros, seguimos na Biblioteca, cun sinfín de libros, música, Bebelotes e documentos para Pais, que sempre poderedes atopar dende o noso catálogo.

Aburiño!

Moito máis que contos na Biblioteca Infantil e Xuvenil. Bebencontro do 11 de abril: 0-12 meses

Os 3 primeiros anos da vida dun bebé son un período de crecemento incríble en tódalas áreas de desenvolvemento destes. Na etapa dos 2 aos 6 meses hai estudios que demostran unha correlación directa entre a inteligencia e adquisición da linguaxe e o número de palabras que os bebés oíron nos seus primeiros anos de vida.

Que actividades podemos realizar para potenciar as habilidades na linguaxe? Falar, cantar, contar historias ou lerlles libros. Todas estas actividades expoñen aos bebés a multitude de estímulos, e diso se trata precisamente o que tratamos de incentivar nos Bebencontros, estimular aos bebés e, de paso, lograr un entorno no que as familias poidan atoparse a gusto para descubrir novos recursos, contos e falar de todo iso.

E precisamente por iso, unha vez máis, na Biblioteca Infantil e Xuvenil, tivemos a oportunidade de xuntarnos familias e bibliotecarias para disfrutar doutro Bebencontro no que os libros, os arrolos en particular e a música en xeral foron os que nos transportaron durante un pedaciño de tarde á Casa do Señor Coc, a Arxentina e mesmo ó medio do mar e as súas ondas. E cómo? Apuntade!

Valeria, Martina, Amelia, Rayco, Thiago, Iago, Vera e Gorka desentumecéronse movendo as súas manciñas e peíños a través de cancións para,  unha vez xa espertos, adentrarse pouco a pouco nas rimas e sons cos que fomos coñecendo cada unha das estancias da Casa do Señor Coc.

E como nos sucede a moitos de nós, o Sr. Coc tamén é aficionado a ler antes de durmir, así que, que mellor excusa para contarlle un conto, como o de Lúa, de Kalandraka, co que conseguimos que pechara un ollo. E que mellor que un arrolo para que pechara o outro; neste caso escollemos a versión que Golfiños fixo do contiño Duerme negrito, de Paloma Valdivia, unha peza musical tenra e doce, interpretada orixinariamente por Atahualpa Yupanqui e cantada en Té, chocolate, café pola avoa da familia Golfiños, que nos trasladou de veras ata un berce da Arxentina.

This slideshow requires JavaScript.

E un truco para que bebés e maiores nos relaxáramos sen durmirnos foi seguir o son das ondas que, entre a calma e a treboada, facían que nos moveramos nun mar de globos. Globos que brincaban ca furia da marexada, globos que estaban quedos na calma do mar, globos que… que nos levaron a navegar polo medio do océano e os seus sons!

Pero como todo chega ao seu fin, o Bebencontro tamén o tivo que facer e, coma sempre, despedímolo ca nosa xa habitual canción para a ocasión, Adeus, adeus de Golfiños.

E despedímonos tamén dende aquí, pero non sen antes recordarvos que, para esta etapa do ano rematamos os Bebencontros de 0 a 12 meses na Biblioteca Infantil e Xuvenil (voltaremos co novo curso), aínda que si nos queremos despedir como todos vós o mereces, cunha festa final, que será o 16 de maio.

E se queredes ver as fotos da sesión, xa sabedes, tedes dispoñible as 24 horas a galería do Flickr das Bibliotecas municipais!

 

O Entroido chegou á Biblioteca Infantil e Xuvenil. Bebencontro do 14 de febreiro: 0-12 meses

O sábado pasado puidemos gozar dunha nova sesión dos Bebencontros na Biblioteca Infantil e Xuvenil xunto con Valeria González, Daniel, Jacobo, Lucas, Valeria Lema, Bárbara, Miguel e Claudia.

Aproveitando as datas, desta volta invitamos ó Señor Coc a que nos presentase as súas propostas para o Entroido, coloridas, moi coloridas, e descubrimos cos textos e as solapas como Os disfraces do Señor Coc dan lugar a historias disparatadas e divertidas.

E ó mellor non o sabiades, pero ata atopamos na natureza eses animaliños que tamén parecen xogar a disfrazarse como A Varvo, esa vaca que pola noite “berrea”, ou O Ganejo, o gato que come cenorias.

Como ben sabemos nas Bibliotecas municipais, o “diálogo” dos máis pequerrechos cos libros pasa polo xogo. Un xogo que a través da manipulación dos libros escollidos, as cancións e narracións, os nenos e nenas poden interactuar e desenvolver a súa percepción do entorno, do seu mundo.

O desenvolvemento da percepción dos bebés irá pouco a pouco aumentando as súas habilidades. Cómo?

– Mediante a sinalización dos obxectos, debuxos, cores e formas, incluíndo as negacións destas.

– Mediante a localización: ao describir a ubicación dun obxecto ou persoas.

– Dirixindo a atención cara unha imaxe concreta.

– E mesmo contando (enumerando) os elementos que aparezan nas imaxes.

Un seguiente paso na estimulación céntrase na análise selectiva, que ven dada, entre outras cousas, pola descrición de esceas (situacións, paisaxes) e das características de obxectos e personas (con conceptos coma a cor, tamaño, forma, cantidade, posición, etc.)

E niso andivemos o sábado, en estimular, en percibir, en recoñer o mundo e crear lazos con el e, sobre todo, en disfrutar dos libros, das súas cores e historias, narradas e inventadas, e en familia, que é coma mellor se está.

Vémonos pronto, moi prontiño, e seguiremos a intentar que disfrutedes de todo o que atopamos agochado nos libros.

Mentres, xa sabedes, podedes recordar a sesión na galería das Bibliotecas en Flickr e aproveitar os Bebelotes que vos temos preparados para levarvos en calquer momento.

 

Unha de animais na Biblioteca Infantil e Xuvenil. Bebencontro do 31 de xaneiro, 13-24 meses

 

Portada do libro A que sabe a lúa?Vaia animaladas no Bebencontro da Infantil! Trala nosa canción de presentación e coñecemento das partes do corpo, gozamos da narración dun clásico da editorial Kalandraka: A que sabe a Lúa? cunha morea de animais axudándose e cooperando para lograr un obxectivo común: conseguir unha dentada da Lúa!!! Será doce ou salgada? mmm… que delicia! Todos queriamos tocar os cubos dos animais, alí amoreados en forma de montaña.

E dado que xa nos entraba a fame, xogamos cos bits de intelixencia dos utensilios de comer, antes de escoitar a Memé narrando o conto que ¿Un gato?, Guido Van Genechtenadaptou de ¿Un gato? (Veo Veo) de Guido Van Genechten. Nin gato, nin parrulo de goma, nin lura… ¡Era un tucano!

E como non, trala aparición da saca dos nosos contos, despedimos a xornada coa nosa canción: adeus, goodbye, ciao aburiño… marchando en fila para recoller as mochilas cos nosos Bebelotes, seleccionados especialmente para cada participante en función da súa idade. Nesta ocasión, formados por un libro de cartón duro e bordes redondeados para cada bebé, un libro do centro de interese Pais relacionado con diferentes tipos de xogos e un conto da editorial OQO, para que as nosas familias vaian familiarizándose coa arte de contar contos e coñecendo editoriais. E coma dirían os Golfiños:  Adeus, au revoir, ciao, aburiño, adeus goodbye, adeus, adeus!

Animádevos a pór en práctica na vosa casa a morea de ideas que podedes atopar nas Bibliotecas Municipais, na nosa sección de SOS Pais, nos Bebelotes que temos sempre á vosa disposición, ou buscando no noso catálogo web.

Agardámosvos na Biblioteca Infantil e Xuvenil!

Somos amarelos na Biblio do Forum (13-24 meses)

Fondo Somos Amarelos_Montaxe

O pasado sábado, unha vez máis, desfutamos dos Bebencontros na Biblioteca do Forum Metropolitano. Contamos coa presenza de Andrés, Gael, Iago, Lois, Miguel, Noa e as súas familias, aos que agradecemos a súa implicación e motivación nesta sesión.

Tanto na sesión do sábado como neste post, queremos resaltar a importancia do oído e da súa estimulación en idades temperás. Se exercitamos ben o ouvido dos bebés, conseguiremos que perciban con máis precisión a linguaxe das persoas e do mundo que os rodea, e así o reproduzan o máis exactamente posible. Por iso, os xogos para aprender a escoitar (“Juegos para oír”) son moi importantes, xa que educan o oído e e favorece a mellor adquisición da fala.

Se temos en conta o desenvolvemento cronolóxico do oído, no primero mes o bebé é capaz de atender a estímulos acústicos, no segundo mes volve a cabeza ata a fonte do son, no cuarto mes recoñece a voz de seus pais, e a partir dos 12 meses xa son capaces de imitar sons, tocar timbres por imitación e repetir sílabas balbuceando. Por iso nós empregamos as onomatopeias dos distintos animais que aparecen na historia que lles narramos, “La granja del Señor Coc” de Jo Lodge e “El gran libro del Pollo Pepe” de Nick Denchfield e Ant Parker. E tamén cantamos acompañados das campás musicais a canción de “Los pollitos dicen”, o son das campás estimulan o oído dos bebés pola variedade de tonos, ritmos, intensidades e frecuencias logrando que permanezcan moi atentos.

Los pollitos dicen, Montaxe campás
pío, pío, pío,
cuando tienen hambre,
cuando tienen frío.

La gallina busca
el maíz y el trigo,
les da la comida
y les presta abrigo.

Bajo sus dos alas
se están quietecitos,
y hasta el otro día
duermen calentitos.

Ao final de cada sesión os nosos pequenos lectores levan en préstamo uns bebelotes especiais da sesión para desfrutalos na casa en familia. Para que vexades o ben que o pasamos na sesión, podedes consultar as fotos que subimos na galería Flickr das Bibliotecas Municipais.

Montaxe bebe2

Recomendamos Beba

untitled

Contos en Cantos de Almudena Janeiro, un libro-CD-DVD que recopila unha serie de contos da editorial OQO e os musica empregando diferentes ritmos: rock & roll, soul, bossa nova, etc. Moi recomendables para educar os ouvidos dos vosos fillos. Este documento podédelo atopar nas Bibliotecas Municipais a través do noso catálogo en liña, así como outros documentos do voso interese.

A cantar na Biblioteca Infantil e Xuvenil. Bebencontro 17 de xaneiro, de 0-12 meses

Se chove, que chova! como di o anuncio,  xa que na Biblioteca Infantil pasamos a tarde do sábado quentiños cantando e lendo contos.

Xa sabemos o importante que son ás cancións para o desenvolvemento dos máis pequenos,  estimula a intelixencia emocional, desperta emocións e sentimentos, ademáis favorecen a atención e a concentración; nos primeiros meses ten preferencia o son das voces, en especial a da nai ou pai, gústalles escoitar o seu nome, van recoñecendo ritmos e cancións, aínda que non as comprendan.

Como sabemos da súa importancia, sempre procuramos cantar con eles, presentámonos cantando, “cantámoslles” ás partes do corpo:

“Saco mis manitas

y las pongo a bailar,

las abro y las cierro

y las vuelvo a guardar…”

Tamén imos descubrindo os materiais que hai na biblioteca e que nos poden axudar a estimular aos pequerrechos na casa como os “bits de intelixencia” ou “tarxetas de información visual” que axudan a estimular a memoria, facilitan a concentración, o recoñecemento de formas, cores e conceptos…

 

Despois, espertamos ao Señor Coc cunha versión da canción de Bo día do libro Té, chocolate, café de Golfiños, un libro-disco que nos gusta moito ás bibliotecarias da Infantil. O Señor Coc amounos a súa casiña e recitounos para que aprenderamos cousas sobre o sol e de como hai que bañarse.

E coma sempre, o noso amigo deleitounos cun conto antes de ir durmir. Seguro que non imaxinades cal? La luna de Anne Herbauts, onde descubrimos todo o que fai a lúa pola noite para que nós poidamos durmir a perna solta.

E coma sempre, despedímonos ca canción Aburiño, tamén de Golfiños, que adoptamos para as nosas sesións e que nenos e grandes xa recoñecen.

“Adeus, goodbye, ciao, aburiño

Adeus, au revoir, arrivederchi

Adeus, goodbye, ciao, aburiño

Adeus, goodbye, adeus, adeus…”

Aquí vos deixamos unha mostra do que desfrutaron Antón, Valeria, Jimena, Dani, Carmela e Zoe coas súas familias.

 

This slideshow requires JavaScript.

E sabedes que todo isto se pode repetir na casa? Que como? Tedes un montón de ideas nos libros, CDs e DVDs que a Biblioteca Infantil e Xuvenil ten na sección de SOS Pais e nos Bebelotes que hai preparados para que levedes calquer día da semana. E se preferides, podedes rebuscar no catálogo das Bibliotecas municipais ou preguntarnos directamente.

Ata máis pronto, ata máis ver, aburiño!

%d bloggers like this: