Arquivo do blog

Babies, bubbles & books!

Non sabemos se pola abundancia de auga ou sinxelamente porque a nosa terra tira moito, pero na Biblioteca Ágora andamos moi mariñeiros nesta tempada. Tanto que cando tocou deseñar o Bbencontro en lingua inglesa deste curso, xa un habitual na programación anual, reminiscencias mariñas invadiron as nosas cabezas e convertemos ás cri32926238261_613dfe2d91_naturas con branquias nos protagonistas da xornada. Why not?

Coñecer outros idiomas distintos ao materno é xa prácticamente un requisito imprescindible na sociedade global na que vivimos: unha pasaxe a outras culturas e experiencias que multiplica por centos as nosas posibilidades de comunicación. O estudo do inglés a idades temperás supón múltiples beneficios, xa que o cerebro do bebé é moi moldeable e receptivo ante calquera tipo de aprendizaxe. Nesta ocasión centrámonos na práctica oral para traballar as competencias comunicativas e cognitivas dxs “bilingual babys”. Let´s go!

O pequeno Hooray, extenuado tras unha longa viaxe polos Mares do sur, saiu da súa casa-cuncha para presentarnos aos numerosos “fishy-friends” que fixo nesta animada aventura. Who´s there in the sea? Ledos, enoxados, gordos, a raias… peixiños moi diferentes que nos permitiron practicar adxectivos calificativos básicos a través dos xogos de palabras e as repeticións.

Trala algarabía mariña voltamos á calma con Sea Animals, do popular ilustrador Mike Lowery. Dolphin, shark, octopus, seahorse… todos foron advertidos: It´s time to sleep! Con rimas e xogos de luces aprendimos os seus nomes namentres os mandábamos a durmir: ZzzZzzzZzz!!!

32207570284_282b5355ed_z

Se os animais mariños queres durmir… só con música o poderás conseguir! 

A estimulación musical foi de novo un valor engadido na sesión: o polifacético compañeiro Santiago Manteiga, guitarra acústica en man, reforzou todo este traballo con acordes que envolveron de ritmo a sala infantil. Ata houbo tempo para que nais e pais practicasen o seu english co Yellow Submarine! Estímulos sonoros en riguroso directo que favorecen a potencialidade cognitiva dxs máis pequenxs, tanto polo que respecta ao desenvolvemento da musicalidade como á creatividade e expresión corporal.

32167616104_2a7a84c64c

A proposta non quedou ahí: unha pequena escolma de contos e materiais audiovisuais agardaba a familias e pequenxs para que, xa na casa, podan mergullarse de novo no amplo mundo dos idiomas (todos dispoñibles no Cascarilleiro, o noso catálogo en liña):

Mergúllate na galería de Flickr se queres ver unha pequena mostra da nosa odisea polos fondos abisais. See you soon!

Advertisements

Contos que camiñan…

BbEscolasEntendemos o viaxar como unha forma de vida, como reconforte persoal que aporta novos traxectos cheos de coñecementos e experiencias, como fonte de desfrute e diversión que permite construir historias e fixar recordos inesquecibles.

Acotío e dende as nosas bibliotecas tamén viaxamos, mais o facemos dun xeito diferente: a través dos libros. Eses contos infantís que forman parte da vida laboral e nos teñen totalmente namoradas; moreas de historias que ilustran a mente de nenos e nenas e lles permiten vagar por quilómetros de fantasía; lecturas itinerantes que percorren camiños para compartir momentos especiais…

Medramos entre contos! Mergullámonos nas historias!

Medramos entre contos! Mergullámonos nas historias!

Tras un mes intenso cheo de rutas de ida e volta, cargadas de equipaxes, ilusións compartidas e obxectivos cumpridos damos por finalizada a primeira fase do programa BbEscolas: CONTOS QUE CAMIÑAN…

O persoal da Bebeteca visita as Escolas Infantís da contorna

O persoal da Bebeteca Ágora visita as Escolas Infantís da contorna

Contos que camiñan viaxan da man dunha Beba que sae da súa “zona de confort” co obxectivo de achegarse ás Escolas Infantís da contorna e reforzar a relación entre as súas bibliotecas de aula e a nosa biblioteca. Como? A través dunha posta en común de contos adaptados tanto á idade do alumnado como aos contidos curriculares do centro.

montaxe2

Biblioteca de aula da EIM Agra do Orzán · Alumnado da EI PSN Bicos

… e así foi como entre un mar de letras degustamos un dos contos que máis lle gustan a Beba: nada… nada… Nadarín!

NADARÍN, clásico ilustrado por Leo Lionni nos anos 60, é unha pequena alfaia imprescindible nas vosas-nosas bibliotecas. Cunha benvida plástica hipercoidada e fermosa (teño que confesar a miña devoción pola acuarela…) preséntase unha historia baseada na diferencia (diversidade mariña), na solidariedade e compañerismo (a unión fai a forza) e no medo ao descoñecido (capacidade de superación persoal). Unha escolla “bebetequeira” convertida en perfecto recurso bibliográfico para reforzar un traballo específico, como é o da educación en valores, co propio alumnado.

Mais toda viaxe debe voltar á calma coa fin de recuperar folgos cara a novas aventuras… (até o mes de maio aínda quedan algunhas!)

Con Beba no seu fogar, os contos na Bebeteca e nós nun espazo físico e humano privilexiado, damos por finalizada a itinerancia dunha primeira fase chea de emocións, ilusións e lecturas compartidas.

Pequenos e pequenas, Miriam (EI PSN Bicos), Marga (EIM Agra do Orzán), Rocio e Asunción (EI Xénesis), Almudena (EIM Carmen Cervigón – Padre Rubinos), Iciar (EI Ventorrillo), Susana (EI Nazaret), Raquel (EI Parrulos Ventorrillo) e mestrado ao completo… o Beba´s Team quere agradecervos o voso traballo e implicación. Un verdadeiro gustazo! Vémonos no mes de marzo ao máis puro estilo Chubby Checker…

… claps your hands! COME ON LET´S TWIST AGAIN! ⭐⭐⭐ ツ

Xogar “ao diferente” · Xogar coas palabras

Vivimos nunha sociedade cambiante, na que existen fluxos migratorios que fan que a nosa comunidade sexa diversa en canto á cultura, raza, etnias… É preciso que dende idades temperás exista unha educación na diversidade, no respecto, na comprensión entre grupos culturais diferentes.

A nosa labor como biblioteca é, en primeiro lugar, facer palpable a diferenza para despois traballala dende o entendemento e a tolerancia. Como elemento potencializador e de reforzo: o conto! Historias que abrazan o noso mundo e amosan aos máis pequenos e pequenas novas formas de conexión coa diversidade e a riqueza do global que nos rodea.

"Uélé moliba makasi" · Escoita a nana congoleña extraída do libro-cd "Cancionero infantil do Baobab" da Editorial Kókinos

“Uélé moliba makasi” · Preme na imaxe para escoitar esta nana congoleña

Sempre que plantexamos unha sesión sentimos a necesidade de contextualizala, de adxudicarlle un contido tranversal para achegarnos a aquilo que consideramos preciso. Neste caso, ao diferente.

África, o seu habitat e os ritmos musicais servíronnos para establecer un punto de partida. A través de diferentes xogos de percepción e secuencias acumulativas adaptamos unha lectura de imaxes cargada de onomatopeas, sonoridade e repeticións. O resultado? Un xogo de palabras con efecto rítmico e de desfrute.

Preme na foto para acceder á galería fotográfica da sesión...

Preme na imaxe para acceder á galería fotográfica da sesión…

Xogar coas palabras implica potenciar a imaxinación, a creatividade, a comprensión lectora, a linguaxe e o hábito de lectura. Unha ferramenta “lúdica” para que vós, como adultos e exemplo socializador primario, a poidades empregar co obxectivo de suscitar nos pequenos e pequenas o pracer pola lectura, á vez que compartides espazo-tempo a modo de divertimento.

E iso foi o que tentamos conseguir durante a derradeira sesión: proporcionarvos diversidade de contos, estratexias para xogar coas palabras, recursos para traballar a lectura no fogar dun xeito diferente, divertido e partícipe; potenciando as historias acumulativas, con ritmo e expresividade seguindo as situacións emocionais dos personaxes.

Diversidade de contidos na Bebeteca Ágora

Diversidade de contidos na Bebeteca Ágora

Cómpre destacar a ampla variedade bibliográfica que temos dispoñible nas Bibliotecas Municipais. Postas a #recomendarbmc gustaríanos achegar unha colección que encanta… perfecta para compartir, dende unha fusión sonora-intercultural, cos vosos bebés.

E para rematar, o equipo da Biblioteca Ágora quere adicarlle este post a Alma. Vai por ti súper compi! Por todo o aportado día a día, polo teu permanente sorriso e profesionalidade 😉 #SumandoNoÁgora

Esperámosvos no seguinte BbEncontro!

All You Need Is Love…

… ou a necesidade de transmitir afecto e cariño

Falar de All You Need Is Love é retroceder no tempo, viaxar ata os anos 60 e festexar un canto á liberdade, á paz e ao amor0-12MESES 151 da man dos coñecidos Beatles. Mais para nós, falar de All You Need Is Love supón compoñer unha nota a maiores. É a necesidade de educar no afecto, de ensinar a querer, de facer aos pequenos e pequenas conscientes das súas sensacións afectivas, do cariño, do amor… partindo sempre do apoio, da comprensión, da motivación e do reforzo positivo. En definitiva, dotar das ferramentas necesarias que conformen e favorezan a autoestima e as habilidades sociais dos nenos e nenas.

Sinxelas accións como xogar, cantar ou ler xuntos/as serven para que vós, como adultos, poidades brindarlles aos bebés múltiples mostras de afecto.

Nós, como Bebeteca e como espazo adicado ao fomento da lectura dende idades temperás, temos a necesidade de reforzar a importancia do conto como vehículo diario de comunicación. Un medio que, á marxe de compartir historias, permite desfrutar de momentos únicos que contribúen ao reforzo das relacións afectivas entre grandes e pequenos/as.

111

Con todo esto en mente, propuxémonos  centrar o contido do pasado Bbencontro na expresión da afectividade mediante os contos.

IMAG2775A través dunha escolma específica gozamos de 30 minutos cheos de emocións, sensacións e afectos que tiveron como fío condutor dúas historias tenras e animadas que expresan e manifestan sentimentos: Con locura e Si eres feliz y lo sabes, á vez que proporcionamos varios recursos bibliográficos cos que seguir fomentando o hábito lector no fogar.

Agardámosvos no seguinte Bbencontro con novas e apaixonantes lecturas… and remember that L.O.V.E is all we need 😉

“Imprescindibles” nas lecturas miúdas

Mesturamos contos, arte e natureza para celebrar o Día da Biblioteca!

#VivaLaBiblio

#Vivalabiblio, campaña do Observatorio da Lectura e o Libro

O pasado sábado, 24 de Outubro, quixémoslle rendir unha pequena homenaxe á biblioteca e a todas aquelas persoas que a fan posible. Como vehículo, o desfrute dunha actividade de promoción lectora baseada na creatividade.

Amosamos a ilustración como método de aprendizaxe para traballar a lectura de imaxes e asesoramos/suxerimos ás familias na difícil tarefa de seleccionar os libros infantís, que faciliten o desenvolvemento e reforzo desta capacidade.

Así é que, un ano máis (e con este xa van tres), podemos dicir que arrancamos de novo cos BbEncontros!

A NOSA PRIORIDADE: O DESFRUTE DOS CONTOS

Son moitas as obras e autores/as que durante estes meses desexaríamos achegarvos, mais ás veces o tempo faise curto e limítanos a establecer prioridades.

O desfrute dos contos é unha delas. É por iso que fixemos unha pequena escolma de autores/as considerados/as como imprescindibles na formación lectora dos pequenos/as, cuxas obras conseguen o que para nós, e como consecuencia para vós, é a prioridade: ese desfrute do que facemos mención.

IMPORTANCIA DA OBRA DE ERIC CARLE

Eric Carle, primeiro imprescindible en aterrar na Bebeteca Ágora, é un recoñecido autor e ilustrador que posúe unha capacidade innata para producir o deleite estético nos máis pequenos/as, conseguindo que interactúen e se familiaricen co libro.

Na posta en práctica, puidemos observar como a súa obra, caracterizada pola técnica do collage, resulta moi chamativa para os bebés: invítalles á participación, desenvolvendo a súa imaxinación e xerando expectación e curiosidade.

BbEncontros Ágora_O mundo de Eric Carle

Galería fotográfica no Flickr das Bibliotecas Municipais

Coa fin de conseguir unha lectura entretida e divertida cun final sorprendente, conxugamos o dinamismo dos seus libros-xogo con textos sinxelos, repetitivos e rítmicos e ilustracións baseadas no emprego de cores vivas sobre fondos brancos.

A PEQUENA EIRUGA EN 3D

IMG_2611

Breve visionado da App no YouTube

Para rematar, achegarvos “A pequena eiruga larpeira e os seus amigos: xoga e descubre” unha App educativa que non hai moito descubrimos. Trátase dunha aplicación pop-up en 3D que contén oito xogos/actividades, sinxelas e divertidas, para tablets e móbiles.

Os pequenos/as poderán xogar coa “Eiruga larpeira” e con outras moitas personaxes creadas polo ilustrador Eric Carle, coas que tamén interactuamos durante a pasada sesión: Oso pardo, Grilo silencioso, Camaleón camaleónico, Dez patiños de goma, A xoaniña rosmona

Como reseña final, comentarvos que esta obra gráfica foi deseñada por Story Toys, un recoñecido estudio irlandés que acaba de recibir o primeiro premio na Bologna Children´s Book Fair 2015, en canto á categoría de aplicacións infantís de carácter literario se refire.

E con isto e un biscoito… vémonos no seguinte BbEncontro!

Nocturno e O Lápis na despedida de Ágora

O mellor de cando unha etapa chega ao seu fin, é que podemos iniciar outra con ilusión renovada tendo a experiencia do xa vivido na nosa maleta.

Este é o caso da Bebeteca Ágora, que despois de dezaseis sesións e oito meses de traballo, di adeus da man da ilustradora colombiana Paula Bossio, desfrutando dun conto orixinal, sinxelo e creativo como é O lápis.

O lápis de Paula Bossio na Bebeteca Ágora
O lápis de Paula Bossio na Bebeteca Ágora

É quizais momento de lembrar tamén todos e cada un dos nosos protagonistas ao longo desta viaxe, o Señor Coc, Eric Carle, Hervé Tullet, Dona Carme, o Papagaio Loiro, Noemí Villamuza ou as divertidas historias de Story Time. Todas e cada unha das sesións tentaron ser lúdicas, amenas e descubrir ás familias contos e recursos dos que poder botar man para desfrutar do mundo da lectura dende as primeiras idades e compartir ese desfrute cos máis pequenos.

As ilustradoras Paula Bossio e Marisol Misenta "Isol"
As ilustradoras Paula Bossio e Marisol Misenta “Isol”

E como no bebencontro foi da man de Paula Bossio con quen traballamos a lectura adaptando o contido coa xestualidade que as páxinas requerían, decidimos dar a man neste caso a unha autora tamén latinoamericana de recoñecido prestixio internacional, Marisol MisentaIsol”, para presentarlle ás familias unha das obras máis descatadas e premiadas desta autora arxentina, o estupendo “Nocturno”.

Nocturno "recetario de soños" de Isol
Nocturno “recetario de soños” de Isol

Trátase dun recetario de soños, cada cal máis orixinal e creativo, onde páxina a páxina a maxia aflora segundo miremos as imaxes con ou sen luz. O mundo onírico está presente incluso mentres durmimos, o xogo de luces permanece,… Resulta un libro felizmente difícil de describir e que cómpre experimentar. 

Dende aquí o noso agradecemento a todas as familias que desfrutaron e compartiron con nós todas e cada unha das sesións. A aquelas que non puideron facelo, agradecémoslles igualmente a paciencia e a comprensión por entender que tería que ser outro día ou noutro momento. E por suposto, a todas as persoas que fixeron posible que o programa cobrara vida ao longo destes meses.

Grazas a todas as familias
Grazas a todas as familias

Só nos queda convidarvos a facer uso de todas as Bebetecas que a Rede Municipal de Bibliotecas da Coruña ofrece e a que viaxedes este verán cargados dos nosos Bebelotes, e por suposto, rescatamos para esta despedida algúns dos soños do noso recetario Nocturno, xa que ao “soño de irse lonxe” uniremos o “soño de medrar”…

O caso é soñar…

Grazas a todo o mundo, foi un pracer ter compartido con vós experiencias e lecturas!!!

“Pas de Deux” cun flamengo

Non é a primeira vez que a Biblioteca Municipal Ágora quere rendirlle homenaxe ao Día Internacional da Danza. De feito dende o comezo da nosa andaina, aló polo 2012, incidimos nun concepto amplo da danza apostando por esta disciplina artística dende un punto de vista participativo e divulgativo.

Mostras bibliográficas, obradoiros de danza creativa de 0 a 6 anos e unha videocreación coa palabra e o movemento como elementos relacionados entre si na nosa biblioteca, son parte da programación durante este período de tempo.

Este ano pretendemos achegarvos esta celebración facendo un guiño a unha historia única na que as personaxes non falan con palabras pero si con movementos: Flora e o Flamengo, da editorial Barbara Fiore.

Entrevista á ilustradora

“Flora e o Flamengo” é unha das últimas incorporacións á Sala Infantil da nosa biblioteca: un delicado, orixinal e versátil álbum ilustrado invadido por unha rechamante cor rosa que mantén sintonía directa coa tonalidade da ave protagonista.

Molly Idle, autora deste “conto sen palabras”, presenta a historia dunha nena que comparte un baile cun estilizado flamengo. Os movementos da pequena, ao principio algo torpes, rematan indo en paralelo cos suaves movementos da ave ata converterse nun “pas de deux” (baile en parella) ben sincronizado e harmonioso.

Tal foi o éxito desta obra ilustrada que, no 2014, a Association for Library Service to Children (ALSC), unha división da American Library Association (ALA), concedeulle a Caldecott Medal: un premio outorgado ao/á ilustrador/a máis destacado/a da literatura infantil estadounidense.

Vídeo Molly Idle 2014 – Caldecott Honor por “Flora e o Flamengo”

E para rematar, achegarvos o resto da selección bibliográfica que temos a vosa disposición, convidarvos a visitar o noso espazo “Contos en Danza” e desexarvos, a través da harmonía e elegancia dos flamengos, un feliz DÍA INTERNACIONAL DA DANZA!

Seguimos Sumando e… ata pronto!

Noemí Villamuza nos Bebencontros de Ágora

Definitiva entrada

Afeccionada a debuxar e a despistarse nos estudos desde nena. Deste xeito se presenta a si mesma Noemí Villamuza, a ilustradora que guiou a nosa sesión de Bebencontros o pasado sábado na Biblioteca Ágora.

oscar leon

O seu primeiro conto,  Óscar y el león de correos, editado por Anaya no 1998, foi Premio Nacional de Literatura Infantil en 1999. No 2002 foi finalista do Premio Nacional de Ilustración por De verdad que no podía, editado por Kókinos e, entre os seus máis valorados traballos figura tamén Libro de Nanas, da editorial Media Vaca, obra coa que consolidou a súa linguaxe do lápis en branco e negro. A Organización Española para o Libro Infantil (OEPLI) e o Ministerio de Cultura, no 2010, premiaron e utilizaron a súa proposta de cartel para publicitar o Día Internacional do Libro Infantil.

Pequeteca

Estando, por certo, tan próximos á celebración desta mesma festividade en 2015, que terá lugar o vindeiro 2 de abril, aproveitamos para convidarvos e compartir a proposta que desde a Biblioteca Ágora puxemos en marcha para celebralo este ano, o proxecto Ti tes moito conto.

cartaz definitivo-horz

Mais volvendo á sesión do BBencontro, o eixo condutor da mesma foi o libro El bosque encantado, un fermoso álbum escrito por Ignacio Sanz e ilustrado pola protagonista do post, que se convertíu nun xogo para que os bebés descubriran os dedos das súas mans, imaxinaran no que poden chegar a converterse e interactuasen co propio libro ou con quen llelo conta.

Bosque encantado

Os dedos, as mans como contadoras de historias, como creadoras de personaxes sinxelas, versátiles e divertidas. Como proposta lúdica para contar e para vivir a lectura, como recurso e ferramenta cercana. Todo un mundo de posibilidades pegadas ao noso corpo.

É por iso que tamén xogamos con todos e cada un dos títulos da colección de Dediños da Editorial Tambre. Dedín Dedín converteuse no protagonista principal, pero en cada unha das riolas de Antón Cortizas podíamos descubrir un xogo-rima procedente da tradición oral galega, ao tempo que os dediños furaban en cada unha das páxinas.

Dedín, dedín-horz

E por último, non podiamos prescindir dun clásico da creatividade e a imaxinación a través da lectura, como é o francés Hervé Tullet. Nesta ocasión, foron os seus Xogos de dedos e de Gusidedos os que pecharon a actividade, reforzando a idea de que ler, crear, imaxinar e divertirse, é posible cos nosos magníficos dedos contadores de historias.

Así é que o polgar, o índice, o corazón, o anular e o maimiño, emprázanvos a desfrutar da seguinte sesión na bebeteca Ágora, non sen antes recomendarvos un libro de Robert Munsch, titulado Siempre te querré (editorial Andana), que chegou a España no 2013 da man de Noemí Villamuza, despois de ter emocionado a millóns de persoas en todo o mundo cunha fermosa historia de amor entre unha nai e o seu fillo.

Para completar a sesión aproveitamos tamén para presentar os dous títulos da colección Pequeteca da Editorial Edelvives, recomendados para os máis pequenos, que foron ilustrados tamén por Noemí VillamuzaRedondo como… e Dentro y fuera

Agardamos que os contidos abordados vos resulten de interese e vos suxiran novas maneiras de interaccionar cos vosos bebés.

Graciñas a todo o mundo por compartir con nós o mundo da lectura.

Ata pronto!

Unha achega ao “diferente”

É un feito que vivimos nun mundo globalizado, rodeados dun enorme abano de culturas que se mesturan para conformar unha identidade heteroxénea. Pero tamén é unha realidade que formamos parte desa grande diversidade, incluídos os nosos bebés, e percibímola no día a día: falando na escola, xogando no parque ou camiñando polo barrio. É importante aprender a compartir e convivir coa variedade que nos rodea.

Desde a Bebeteca queremos presentar o libro como medio transmisor desta mensaxe. O noso obxectivo? Achegarnos desde idades temperás ao “diferente” da nosa vida cotiá coa fin de aprender a respetar e valorar todo o conxunto que nos rodea, e así entender aquela diferencia que, lonxe da contorna, forma parte dun mundo que os nenos e nenas comezan a considerar como propio a partires dos catro/cinco anos.

Iyoké e os ruídos estrañosÉ por iso que os pequenos/as precisan mergullarse nas páxinas dos contos cos que están en contacto. Contos que comparten ideas, historias e información sobre culturas, razas, linguaxes e tradicións. Contos que abrazan o noso mundo e amosan aos nenos e nenas novas formas de conexión coa diversidade e riqueza do global que nos rodea.

Sen embargo, os prexuízos ou descoñecementos por parte dos maiores cara a outras culturas, chegan a provocar nos pequenos/as certas actitudes de sorpresa, temor e nalgúns casos rexeitamento cara ao que é diferente. Nós como bibliotecarixs e mediadorxs nun espazo socializador, consideramos importante absorber esta carencia a través de sinxelas historias, personaxes e imaxes que reflictan elementos propios de cada cultura para axudarlles a descubrir o bo de ser tan diferentes.

Lula e Bemba: fíos condutores da sesión.

Así é que nesta sesión sentimos a necesidade de achegarvos a eses “mundos afastados”, de recuperar as súas nanas, as súas cancións infantís e o folclore popular para gozar dunha participativa viaxe multiculturalEsperámosvos no vindeiro BbEncontro!

“Un libro” de Hervé Tullet fía as sesións de pictogramas nas Bebescolas de Ágora

“Se mo dis, esquecereino. Se mo explicas, lembrareino. Se me implicas, farémolo xuntos”

Esta frase de Benjamin Franklin é un bo exemplo do que estar a ser a esencia de traballo da Bebeteca Ágora en relación ás Escolas Infantís insertas na área de influencia do noso barrio.

Lembro que en maio de 2013, iniciouse un camiño marcado pola irrenunciable necesidade de coñecer os centros de ensino da nosa contorna, e os modelos de traballo nestas primeiras etapas. Froito daqueles contactos iniciais, e partindo do coñecemento de que a escola xoga un papel prioritario na promoción da lectura, e de que o seu ámbito de intervención espállase de xeito igualitario a tódolos nenos, a complementariedade entendida entre as escolas e a biblioteca favoreceu que se estableceran colaboracións que nun principio foron de tres escolas infantís, e que hoxe temos consolidadas nun total de seis (PSN Bicos, Nazaret, Xénese, Parrulos Ventorrillo, E.I. Ventorrillo-Galiña Azul, E. I. Carmen Cervigón-Padre Rubinos), á que en breve esperemos sumar a cercana E. I. Agra do Orzán, inaugurada escasamente hai quince días.

Mapa Escolas Infantís Área Influencia

Mapa Escolas Infantís Área Influencia

A máxima de que a biblioteca é o barrio segue a ser o fío condutor que guía boa parte das nosas actuacións, e tendo en conta que a Biblioteca Ágora está nunha área cun volume importante de escolas infantis tanto públicas coma privadas, recordamos o dito no post de Paula Bossio: “hai que coñecer os territorios, non velos, senón coñecelos de ti a ti. Hai que ir a comunicarse directamente coa comunidade…”

Biblioteca de aula da E.I. Nazaret. Detalle visita sesión E.I. Xénese

Biblioteca de aula da E.I. Nazaret Detalle visita sesión E.I. Xénese

E nesta ocasión fixémolo con motivo de comezar a traballar os pictogramas nas bibliotecas de aula das nosas bebescolas, para iso visitámolas e presentamos todas as cores que dan forma aos centros de interese. A nosa mascota Beba sorprendeu aos pequenos levándolles “Un libro” e “Xogo de cores” de Hervé Tullet. E non dubidamos en trasladar un anaquiño de biblioteca a través dun teatro de luces e sombras ao que acompañamos cunha maleta viaxeira cargada dos mellores contos.

Lembro unha comunicación alá polo 2008 titulada “Leer con sentidos. Un concepto innovador de lectura en las bibliotecas de Barcelona”, que explicaba que despois de anos de experiencia, entendían como fundamental ampliar o compromiso con algunhas garderías municipais. O proxecto Nascuts per Llegir foise clarificando co paso dos anos e exemplifica a necesidade de tecer lazos de unión con aquelas institucións implicadas de xeito transversal coa lectura.

Exploración final visita E.I. Ventorrillo-A Galiña Azul

Exploración final visita E.I. Ventorrillo-A Galiña Azul

Despedímonos, non sen antes dar as grazas a todas as persoas relacionadas co proxecto Bebescolas (bibliotecari@s, docentes, direccións, etc…) e emprazándovos nesta ocasión a ser vós quen visitedes a Bebeteca Ágora o vindeiro mes de maio para unha sesión ben especial que pechará as actuacións do programa neste curso.

Ata pronto!

%d bloggers like this: