Arquivo do blog

Mans arriba… crab revolution!

Ás veces tes sentimentos de tristeza? Dás brincos de felicidade? Que ocorre cando notas como os teus ollos se enchen de bágoas pero non estás enfadado/a? Repartes bicos a moreas ou pola contra sentes medo?… 

Deixando atrás as fresquiñas sandías e os doces xeados (xa degustados polos nosos usuarios e usuarias), achegámosvos unha nova proposta estival baseada na exploración das emocións e con cheiro a salitre. 

1. sniff… 2. ups… 3. go… 4. pirouette… 5. yeah… 6. HUG!

A mostra bibliográfica MANS ARRIBA… ISTO É UN ABRAZO! é a nosa particular revolución “cangrexil”. Crustáceos molones que recomendan lecturas coa fin de descubrir as emocións, coñecelas e falar delas.

Preme na imaxe para acceder á galería fotográfica do noso recuncho!

Á vosa disposición unha escolma de 50 títulos infantís. Historias xenéricas (Así es mi corazón e Emocionario), que tratan a afectividade (El primer beso, La gran fábrica de las palabras e Te quiero… casi siempre), que fan referencia á amizade verdadeira (Calma, Adiós manoplas, El león y el pájaro e Amigos), que deixan entrever os celos (Los fantasmas no llaman a la puerta e Cuando estoy celoso), que falan do enfado (Desavenencia), da tristeza (Grisela) ou dos medos (Mis pequeños miedos). Tamén contos nos que os personaxes se senten incomprendidos (Cuervo e Todos menos uno), amosan sentimentos de perda (Más allá del gran río), entusiasmo (El punto) e descubren o bo de ser diferente (Malena Ballena e Monstruo Rosa), entre outras propostas que poderedes curiosear nunha visita á Biblioteca.

Click and Hug me!

E como agasallo… este ticket canxeable por un ABRAZO! Máis nada que esperar a vosa visita coas MANS ARRIBA! Feliz entrada do verán e, por suposto, boa noite de San Xoán! Fire on Apple iOS 10.3

LIX e LGTB #AsMunicipaisEntenden

· 53 Christopher Street. Greenwich Village – New York ·

Os Disturbios de StoneWall (28 de xuño do 1969) marcaron un inicio a prol do colectivo LGTB e ao recoñecemento dos seus dereitos. Dende entón e cada mes de xuño, conmemórase tal reinvindicación coa celebración do Día do Orgullo.

BIBLIOTECA: LIX E DIVERSIDADE SEXUAL LGTB

O compromiso que as Bibliotecas Municipais temos en relación a esta efeméride é permanente. Non só participamos na transformación das desigualdades sociais e culturais senón que tamén tentamos implementar accións efectivas e inclusivas con vistas a unha diversidade sexual que reforce a educación plural dende idades temperás.

Os contos son as nosas ferramentas máxicas (educativas e formativas). Excelentes vehículos de comunicación que fomentan aptitudes e desenvolven actitudes. Axúdannos a promover a igualdade e detectar estereotipos sexistas, homófobos e transfóbicos dende o respecto á diversidade.

Mais o traballo se é en equipa resulta moito mellor. É por iso que vos queremos facer partícipes desta “reinvindicación permanente” achegando lecturas (dirixidas a nenos e nenas de 0 a 8 anos) que axuden a entender a diversidade como elemento enriquecedor da nosa sociedade. Variedade de historias para compartir no fogar-escola e establecer bases coa fin de evitar posibles discriminacións en idades adultas.

Só tedes que visitar as nosas bibliotecas, levar en préstamo algún destes materiais e unirvos á campaña municipal “Vive a túa Cor. Sexualidades Diversas, Identidades Libres” co obxectivo de reivindicar os dereitos e visibilizar ao colectivo LGTBQI Rainbow Flag on Apple iOS 10.3 SUPPORT US!

Grazas por vir e… por favor, volvede!!

Hai unha lección fundamental que desde pequenxs nos prepara para saber dar as grazas, pedir as cousas por favor e pedir perdón cando se fai algo mal. Aprendemos que esas “palabras máxicas” son a base de todo, porque fan do mundo un sitio máis amable e acolledor. Non como simples fórmulas de cortesía, senón como base do respecto e a educación en calquera relación social. Por desgraza, aos adultos tamén se nos esquece de cando en vez utilizalas.

É por isto que nas Escolas que contan, a fase que pecha o ciclo do programa de Bebescolas, un oso panda algo malhumorado (pero bo tipo) foi o encargado de rescatar esta ensinanza. Non era outro que o prota de Por favor, señor Panda, a divertida e educativa historia de Steve Antony incluida dentro da colección Somos8 da Editorial NubeOcho.

34532467742_0dc0cc39d3_k-horz

O señor Panda, tras ofrecer as súas rosquillas, négallas ao seus interlocutores ante a incredulidade destes, e sen que nun primeiro momento cheguemos a entender o porqué. E así, tras toparse con distintos animais nunha secuencia reiterativa (e, polo tanto, fácil de seguir para xs pequenxs) o señor Panda crúzase no seu camiño cun cortés lemur, que ante o ofrecemento de rosquillas por parte do Panda responde cun “A min gustaríame comer unha rosquilla! Por favor, señor Panda”. É precisamente ese “por favor” o que levaba todo o tempo buscando o Señor Panda! Tanto que non lle dá unha rosquilla ao lemur, senón todas. Total, a el nin sequera lle gustan!

Para acompañar esta historia eliximos Mi cara, de Margarita del Mazo e Cecilia Moreno. Un divertido xogo que compara as partes da casa coas da cara, ideal para prelectores e/ou primeiros lectores polo seu texto rimado con moita dozura e as coloristas ilustracións.

Contos diferentes pero coa mesma vontade: achegar as mellores historias ao público miúdo e amosarlles a liberdade imaxinaria que se atopa detrás de cada liña, de cada personaxe, de cada portada. Agradecemos ás escolas participantes (EI Ventorrillo, EI Carmen Cervigón-Padre Rubinos, EI Agra do Orzán, EI Xénesis, EI Parrulos Ventorrillo, EI Nazaret e EI PSN Bicos) a implicación e o cariño que recibimos nas súas visitas á Biblioteca Ágora. Un ano máis se confirma que o noso traballo como biblioteca pública só ten sentido cando se fai da man da comunidade.

E patatín, e patatán… este curso chegou ó seu final! Ata o ano que ven!

Unha Dola Tela Catola!

Sen teléfonos móbiles e con volta á infancia, camiñamos nunha mesma liña chea de palabras, xogos e moita rima!

Non é a primeira vez que facemos referencia ao traballo desenvolto coas Escolas Infantís da contorna (BbEscolas), mais si é a primeira que falamos dun traballo específico-mediador dirixido ao estudantado superior dos CIFP da nosa área de influencia.

Como axente en formación: o alumnado de 1º curso do Ciclo Superior Educación Infantil. Corenta rapaces e rapazas que voltaron á infancia para poñer en valor as diversas manifestacións folclóricas herdadas e deleitadas nos xogos infantís.

Alumnado de 1º CFGS Educación Infantil – CIFP Tomás Barros (A Coruña)

Resultante dunha necesidade precisa de paliar, como é a do traballo de recuperación do folclore infantil, compartimos con vós esta iniciativa, chea de recursos e aproveitable contido.

Para familias, persoal educador ou amantes da Literatura infantil… Unha, dola, tela, catola!

FOLCLORE POPULAR E LITERATURA INFANTIL

É innegable o peso que o folclore popular ten nas diversas manifestacións nas que se presenta a Literatura Infantil. De feito, son moitas as persoas expertas en materia que o defenden como fonte inicial para descubrir o significado e a función da literatura para nenos e nenas.

É por iso que dende idades temperás debemos deixar constancia da tradición vivida por nós mesmos e mesmas, para servirnos de enlace coas novas xeracións e que deste modo non se perda definitivamente a riqueza do popular, unha riqueza que vai en detrimento debido a influencia dos medios audiovisuais e as propostas de xogo que lanza a cotío a sociedade do consumo.

O noso labor como biblioteca é, en primeiro lugar, facer palpable esta necesidade para despois traballala conxuntamente dende unha achega básica que permita coñecer o legado do folclore infantil e posibilite a súa transmisión-comprensión, instrumentando a posibilidade de recuperación cos propios pequenos e pequenas.

A importancia do folclore popular na Literatura Infantil

Arrolos ou cantos de berce (poesías populares breves marcadas por un ritmo suave e relaxante que serven para adormecer aos bebés), xogos mímicos (propostas rítmicas que invitan ao xogo e nas que os dedos, o rostro e o esquema corporal se converten en contadores de historias, axudando ao neno e nena a coñecer e recoñecer o seu propio corpo), cancións e rimas (os cancioneiros populares como paso previo á maior parte dos xogos), contos de fórmula (contos populares e lúdicos que contribúen á organización do pensamento dos pequenos e pequenas e a exercitación da súa memoria), xogos rítmicos (abano de enredos nos que os movementos rítmicos e os versos son compañeiros permanentes) e adiviñas (diálogos de preguntas e respostas nos que se pon a proba o enxeño infantil) foron parte dos contidos que nutriron unha liña temporal acorde ao desenvolvemento evolutivo de 0 a 6 anos, dispoñibles para “recoller” e ser cómplices do noso obxectivo.

Folclore infantil e desenvolvemento evolutivo de 0 a 6 anos

Escoitade o marabilloso Tiroliro, deixade que os vosos bebés xoguen cos dediños en Este queixo, queixolán, espertade xuntos aos esqueletes mentres o reloxo marca as horas, durmide a Dona Carme, saltade á corda, xirade á roda e resolvede algún que outro enigma sobre o mundo que vos rodea. Accións tan sinxelas posibilitan que este traballo se vexa pouco a pouco reforzado e, dalgún xeito, recuperado.

Propostas prácticas arredor do Folclore Popular e Literatura Infantil

Nas nosas bibliotecas, variedade de materiais bibliográficos para dar continuidade a unha orixe ben bonita e moitas veces esquecida. Vinde con nós!

  • Arrolos de salitre. Xabier Díaz e Guillerme Fernández. Salitre, 2010.
  • Non hai berce coma o colo. Paulo Nogueira e Magoia Bodega. Pontevedra: Kalandraka, 2014.
  • Colección Cinco Dediños. Antón Cortizas. Zaragoza: Tambre, 2004.
  • Cancioneros populares: Chumba la cachumba | Mi burro enfermo. Caracas: Ekaré, 1998.
  • A que sabe a lúa?. Michael Grejnlec. Pontevedra: Kalandraka, 2007.
  • La casa que Jack construyó. Elizabeth Falcones. Barcelona: Lumen, 1998.
  • Dona Carme. Manuel Bragado e Pepe Carreiro. Vigo: Ir Indo, 1990.
  • Chirlosmirlos: enciclopedia dos xogos populares. Antón Cortizas. Vigo: Xerais, 2001.
  • Canciones de corro y comba. Enrique de León Ovejero. Salamanca: Amarú, 2006.
  • Folclore popular infantil: canciones, juegos, adivinanzas. Ana Serna. Madrid: Susaeta, 2001
  • Dedín, dedín de pequenequín: folclore infantil. A Coruña: Edicións do Castro, 1990.
  • Deditos y cosquillitas. Ana Pelegrín. Madrid: Espasa Calpe, 1994.
  • Cada cual atienda a su juego. Ana Pelegrín. Madrid: Cincel, 1984.
  • La aventura de oír: cuentos tradicionales y LIJ. Ana Pelegrín. Madrid: Anaya, 2004.
  • Y voy por una caminito: Carmen Bravo Villasante. Jaime García. Madrid: AELIJ, 1996.

… a literatura é a infancia recuperada. Grazas! 📖

Babies, bubbles & books!

Non sabemos se pola abundancia de auga ou sinxelamente porque a nosa terra tira moito, pero na Biblioteca Ágora andamos moi mariñeiros nesta tempada. Tanto que cando tocou deseñar o Bbencontro en lingua inglesa deste curso, xa un habitual na programación anual, reminiscencias mariñas invadiron as nosas cabezas e convertemos ás cri32926238261_613dfe2d91_naturas con branquias nos protagonistas da xornada. Why not?

Coñecer outros idiomas distintos ao materno é xa prácticamente un requisito imprescindible na sociedade global na que vivimos: unha pasaxe a outras culturas e experiencias que multiplica por centos as nosas posibilidades de comunicación. O estudo do inglés a idades temperás supón múltiples beneficios, xa que o cerebro do bebé é moi moldeable e receptivo ante calquera tipo de aprendizaxe. Nesta ocasión centrámonos na práctica oral para traballar as competencias comunicativas e cognitivas dxs “bilingual babys”. Let´s go!

O pequeno Hooray, extenuado tras unha longa viaxe polos Mares do sur, saiu da súa casa-cuncha para presentarnos aos numerosos “fishy-friends” que fixo nesta animada aventura. Who´s there in the sea? Ledos, enoxados, gordos, a raias… peixiños moi diferentes que nos permitiron practicar adxectivos calificativos básicos a través dos xogos de palabras e as repeticións.

Trala algarabía mariña voltamos á calma con Sea Animals, do popular ilustrador Mike Lowery. Dolphin, shark, octopus, seahorse… todos foron advertidos: It´s time to sleep! Con rimas e xogos de luces aprendimos os seus nomes namentres os mandábamos a durmir: ZzzZzzzZzz!!!

32207570284_282b5355ed_z

Se os animais mariños queres durmir… só con música o poderás conseguir! 

A estimulación musical foi de novo un valor engadido na sesión: o polifacético compañeiro Santiago Manteiga, guitarra acústica en man, reforzou todo este traballo con acordes que envolveron de ritmo a sala infantil. Ata houbo tempo para que nais e pais practicasen o seu english co Yellow Submarine! Estímulos sonoros en riguroso directo que favorecen a potencialidade cognitiva dxs máis pequenxs, tanto polo que respecta ao desenvolvemento da musicalidade como á creatividade e expresión corporal.

32167616104_2a7a84c64c

A proposta non quedou ahí: unha pequena escolma de contos e materiais audiovisuais agardaba a familias e pequenxs para que, xa na casa, podan mergullarse de novo no amplo mundo dos idiomas (todos dispoñibles no Cascarilleiro, o noso catálogo en liña):

Mergúllate na galería de Flickr se queres ver unha pequena mostra da nosa odisea polos fondos abisais. See you soon!

Contos que camiñan…

BbEscolasEntendemos o viaxar como unha forma de vida, como reconforte persoal que aporta novos traxectos cheos de coñecementos e experiencias, como fonte de desfrute e diversión que permite construir historias e fixar recordos inesquecibles.

Acotío e dende as nosas bibliotecas tamén viaxamos, mais o facemos dun xeito diferente: a través dos libros. Eses contos infantís que forman parte da vida laboral e nos teñen totalmente namoradas; moreas de historias que ilustran a mente de nenos e nenas e lles permiten vagar por quilómetros de fantasía; lecturas itinerantes que percorren camiños para compartir momentos especiais…

Medramos entre contos! Mergullámonos nas historias!

Medramos entre contos! Mergullámonos nas historias!

Tras un mes intenso cheo de rutas de ida e volta, cargadas de equipaxes, ilusións compartidas e obxectivos cumpridos damos por finalizada a primeira fase do programa BbEscolas: CONTOS QUE CAMIÑAN…

O persoal da Bebeteca visita as Escolas Infantís da contorna

O persoal da Bebeteca Ágora visita as Escolas Infantís da contorna

Contos que camiñan viaxan da man dunha Beba que sae da súa “zona de confort” co obxectivo de achegarse ás Escolas Infantís da contorna e reforzar a relación entre as súas bibliotecas de aula e a nosa biblioteca. Como? A través dunha posta en común de contos adaptados tanto á idade do alumnado como aos contidos curriculares do centro.

montaxe2

Biblioteca de aula da EIM Agra do Orzán · Alumnado da EI PSN Bicos

… e así foi como entre un mar de letras degustamos un dos contos que máis lle gustan a Beba: nada… nada… Nadarín!

NADARÍN, clásico ilustrado por Leo Lionni nos anos 60, é unha pequena alfaia imprescindible nas vosas-nosas bibliotecas. Cunha benvida plástica hipercoidada e fermosa (teño que confesar a miña devoción pola acuarela…) preséntase unha historia baseada na diferencia (diversidade mariña), na solidariedade e compañerismo (a unión fai a forza) e no medo ao descoñecido (capacidade de superación persoal). Unha escolla “bebetequeira” convertida en perfecto recurso bibliográfico para reforzar un traballo específico, como é o da educación en valores, co propio alumnado.

Mais toda viaxe debe voltar á calma coa fin de recuperar folgos cara a novas aventuras… (até o mes de maio aínda quedan algunhas!)

Con Beba no seu fogar, os contos na Bebeteca e nós nun espazo físico e humano privilexiado, damos por finalizada a itinerancia dunha primeira fase chea de emocións, ilusións e lecturas compartidas.

Pequenos e pequenas, Miriam (EI PSN Bicos), Marga (EIM Agra do Orzán), Rocio e Asunción (EI Xénesis), Almudena (EIM Carmen Cervigón – Padre Rubinos), Iciar (EI Ventorrillo), Susana (EI Nazaret), Raquel (EI Parrulos Ventorrillo) e mestrado ao completo… o Beba´s Team quere agradecervos o voso traballo e implicación. Un verdadeiro gustazo! Vémonos no mes de marzo ao máis puro estilo Chubby Checker…

… claps your hands! COME ON LET´S TWIST AGAIN! ⭐⭐⭐ ツ

Live · Love · Green

O segredo é não correr atrás das borboletas… É cuidar do jardim para que elas venham até você” Mário Quintana

E co desexo de que esas bolboretas cheguen até ao noso xardín plantexamos: MUNDO VIVO… PASAPORTE Á NATUREZA!

As bibliotecarias Violeta e Lupe amósannos algunhas das recomendacións "naturais" do Mundo Vivo

As bibliotecarias Vio e Lupe amosan algunhas das recomendacións “naturais” do Mundo Vivo

Mundo vivo é unha escolma de contos infantís que ten por obxectivo espertar o interese pola natureza e crear conciencia do coidado e preservación do medio ambiente.

Os esqueletos visitan a Bebeteca Ágora

Conta a lenda celta que, fai moitos anos, na noite do día de defuntos, os espíritos dos mortos camiñaban ceibes polo noso mundo, mentres os vivos gozaban dun gran banquete. Era a noite do Samaín. A tempada de colleitas chegaba ao seu fin e dábase a benvida ao escuro inverno.

untitledEste ano os espíritos decidiron adiantarse un chisquiño no tempo e facer parada na Biblioteca Ágora. Convertéronse en bibliotecarixs e botáronnos un cable cos primeiros Bebencontros do curso. O Samaín pareceunos un bo recurso para facer un achegamento ás nosas tradicións e destacar a influenza da literatura oral no desenvolvemento dxs pequenxs. Recuperamos parte dese imaxinario popular que dende o berce nos achega ó noso entorno cultural e nos regala os primeiros flirteos coa literatura, o arte e a música.

Cando o reloxo marcou a unha, os esqueletos saíron das tumbas e animáronnos a mover o corpo con Chumba la cachumba, da Editorial Ekaré. Un título da colección Clave de sol, libros ilustrados que son á vez contos para contar e cancións para cantar, pertencentes á tradición oral española e hispanoamericana. A golpe de sonaxeiro, conseguimos que xs pequenxs deixaran os medos a un lado e brincaran cos esqueletos. Montouse un bo alboroto no cemiterio!!

tumba

As ocurrentes ilustracións de Carlos Cotte fan deste libro unha festa visual e unha xenial maneira de aprender a contar e cantar a hora.

Para baixar de revolucións recuperamos outro clásico da nosa nenez, aínda que neste caso “remasterizado” pola Editorial Kalandraka: o Veo Veo de Antonio Rubio e Óscar Villán. Un poema convertido en xogo musical que atrae moitísimo axs pequerrechxs pola forza das súas rimas.

veoveo

A parte musical tamén merece unha parrafada: para darlle ritmo ó asunto estiveron sonando dende o Thriller de Michael Jackson ata temas das BSO de Maléfica e Beetlejuice. Pola nosa parte xa hai compromiso manifesto de coidar con máis mimo este aspecto, ir máis alá das cancións meramente infantís e sacarlle todo o xugo á música como motor centrífugo de emocións e sensacións.

Agardando a súa quenda na cestiña bibliográfica do día, outros membros dese imaxinario herdado (todos eles dispoñibles no catálogo das Bibliotecas Municipais):

Xa de cara ao remate da sesión e namentres xs bebés se mergullaban entre contos, aproveitamos para comentar coas familias as modificacións recén feitas no programa de Bebelotes. Ademais dunha nova ubicación na sala infantil, as mochilas contan con cunha reformulación dos seus contidos: novedades editoriais, materiais en lingua estranxeira e enquisas máis sinxelas para o seu enchemento.

post-2

Para descubrir como o pasaron xs nosxs mini-lectores nesta “terrorífica” xornada podes visitar o noso Flickr. Se che dan algo de envexa, xa sabes que facer: acompañarnos na seguinte cita. Truco ou trato?

… unha achega ás estrelas!

“Pregúntome se as estrelas estás acendidas coa fin de que cada un·ha poida atopar a súa algún día” – O Principiño (Saint- Exupéry)

Din que cada noite, o Sol se pon máis aló do horizonte e que os últimos raios pintan o ceo con infinidade de cores. Tamén din que cando chega a noite, esas cores dan paso a un escuro e profundo ceo cuberto de pequenas estrelas, miúdos astros que relocen con tanta forza que ata deixan entrever o máis grande que existe: o Universo no que vivimos.

É por iso que este outono vos queremos agasallar cun “boleto de ida e volta” para percorrer, a golpe de foguete, o noso particular espazo astral ou Milky Way.

Are you ready? 3, 2, 1… DESPEGAMOS!

Mostra bibliográfica de 0 a 8 anos

Érase que se era… un particular espazo estelar!

Co dobre obxectivo de espertar o interese polo mundo da Astronomía e estimular a curiosidade dende idades temperás, poñemos á vosa disposición a selección de contos MILKY WAY (ou Vía Láctea)… unha achega ás estrelas!

MILKY WAY (ou Vía Láctea) é unha escolma composta por cincuenta historias reais e de fición que vos permitirán viaxar no tempo e descubrir, a través de cada lectura, o que atesouran as galaxias, as estrelas, o sol e a lúa, e máis os planetas (que dan voltas de forma divertida e engaiolante).

Contos para achegarnos ao Universo

Violeta, unhas das nosas Bbtecarias, amósanos parte dos contos destinados a bebés de 0 a 3 anos

Como recurso á totalidade das lecturas, e coa fin de que o público miúdo poida afianzar a súa percepción xeral da natureza, poñemos á vosa disposición algunhas propostas didáctico-creativas para realizar na casa ou mesmo na escola:

Máis nada que vos convidar ao noso espazo para deixarvos levar polo amplo universo que temos montado (tamén expandido por riba dos 8 anos). De seguro que Ata o infinito… e máis alá! é un complemento perfecto para que poidades despegar dirección o ceo, tocar as estrelas e facervos cunha delas! Confeso que, hai tempo, xa gardei as miñas 🌟🌟

Felices lecturas ao ritmo do Starlight de Muse!

All You Need Is ICE-CREAM

AllYouNeedIsICE-CREAMChega o período estival e lugares como a sombra dunha árbore ou a beira do océano son espazos perfectos para que grandes e pequenxs se unan en torno á lectura.

Nas vosas mans un par de meses de descanso e desconexión; con tempo dabondo para fomentar o hábito lector e sentir a lectura como pracer, como un mundo máxico por descubrir, como instante que permite pensar, crear e soñar cos ollos abertos.

É por iso que este ano volvemos á carga cunha saborosa e ben fresquiña selección bibliográfica

Mostra Bibliográfica ICE-CREAM

Baixo o nome de All You Need Is ICE-CREAM (… soa apetecible…) compartimos unha carta de máis de corenta xeados ou historias de fición que, paralelamente, vos achegan receitas de temporada adaptadas ás manciñas cociñeiras dxs máis pequenxs. Para acceder ás mesmas só precisades pasar o teléfono móbil ou Tablet polo lector de códigos QR e… voilá! Unha xornada coas mans na masa!

AllYouNeedIsICE-CREAM.receitas

Como sobremesa, convidarvos a visitar o noso espazo ICE-CREAM, levar en préstamo algún dos xeados que temos á vosa disposición e desexarvos… BON APPÉTIT & ENJOY THE SUMMERTIME!

%d bloggers like this: