BBESCOLAS

O programa BBESCOLAS promove a colaboración coas Escolas Infantís da contorna das Bibliotecas Municipais de A Coruña.

Actualmente o programa BbEscolas é desenvolvido dende a Biblioteca Municipal Ágora en relación as Escolas Infantís da súa contorna: EI Agra do Orzán, EI Nazaret, EI Carmen Cervigón, EI PSN Bicos, EI Ventorrillo, EI Xénesis e EI Parrulos Ventorrillo.

Un instante dos “Contos que camiñan…” · A Biblioteca Municipal Ágora desenvolve, dende hai 3 anos, o programa BbEscolas nas seguintes Escolas Infantís: EI Agra do Orzán, EI Nazaret, EI Carmen Cervigón, EI PSN Bicos, EI Ventorrillo, EI Xénesis e EI Parrulos Ventorrillo.

Os obxectivos son:

  • Reforzar a relación e o intercambio entre as bibliotecas de aula dos centros e o persoal especializado no tramo de infantil das Bibliotecas Municipais.
  • Mediante as actividades realizadas, achegar información sobre a biblioteca, o seu personal e os seus recursos ás familias e ao profesorado.
  • Achegar dun xeito lúdico e cotiá os libros, as historias e a lectura a todos os nenos e nenas da área de influencia da biblioteca.

Deseñado para nenos e nenas de 2 a 3 anos, BbEscolas divídese en 3 fases nas que se intenta crear un vínculo entre centros escolares e biblioteca por medio de tres partes diferenciadas:

1º FASE  CONTOS QUE CAMIÑAN

Lévase a cabo mediante unha visita do persoal bibliotecario á propia Escola Infantil durante o mes de xaneiro. Alí desenvólvese unha sesión reforzando a relación entre as súas bibliotecas de aula e as Bibliotecas Municipais. Os contidos desta visita adáptanse tanto á súa idade como aos contidos curriculares dos propios centros escolares nos que se desenvolve.

1

O contacto cos libros e a lectura dende idades temperás · “Contos que camiñan…”

2º FASE  SESIÓN MOTIVADORA

É executada polo mestrado do centro escolar durante o mes de marzo. O persoal bibliotecario achega aos centros escolares un variado de materiais e recursos lectores co obxectivo de motivar e suscitar interese, no propio alumnado, en relación á terceira parte do programa.

3ª FASE ESCOLAS QUE CONTAN!

Tras unha marxe de tempo de 2 meses, a terceira parte deste programa baséase na visita das propias Escolas infantís ás Bibliotecas Municipais (maio). Esta visita céntrase na serie de recursos achegados aos centros durante o mes de marzo e pecha o círculo que relaciona escolas e biblioteca. Nesta ocasión é o alumnado quen vén á biblioteca e protagoniza unha visita que remata cunha sesión especial para os nenos e nenas.

A lectura como desfrute

O desfrute dos contos · “… escolas que contan!”

METODOLOXÍA

A través dunha metodoloxía activa e participativa, o programa concibe ao alumnado como axente activo na construción do coñecemento. As BBESCOLAS destacan polo:

  • Carácter lúdico. A aprendizaxe é impulsada a través do xogo.
  • Carácter interactivo. O diálogo establécese como base do proceso de aprendizaxe.
  • Carácter creativo. Elemento fundamental que implica un plantexamento flexible das sesións.

CONDICIÓNS XERAIS PARA A PARTICIPACIÓN

Para participar no programa é condición necesaria:

  • Formar parte da área de influencia delimitada polas Biblioteca Municipais.
  • Contar coa idade requerida para a participación no programa: 2 a 3 anos.
  • Número máximo de alumnado por grupo: 25.
  • A asistencia da dirección da Escola Infantil a unha reunión previa (decembro) de preparación do programa.
  • Ilusión, ganas e… moito, moito conto!

O barrio como LIBRO VIVO!

Advertisements
%d bloggers like this: