O 17 de maio máis noviño


Estamos xa na semana do 17 de maio, Día das Letras Galegas, e desde este blog queremos aproveitar a data para falarmos de algo que nos incumbe e nos apetece poñer en común con todas e todos vós: a produción cultural infantil en lingua galega e a súa vizosa realidade actual.

En efecto, duns anos para acó vimos observando con alegría o crecente peso e a maior visibilidade que a produción cultural para nenos e nenas está a gañar na nosa sociedade. Dicimos con alegría e facémolo conscientemente, porque entendemos que a vivencia íntima de libros, concertos, discos, contacontos, teatro… desde ben pequeniños vai contribuír, de seguro, a educarmos aos pequenos dunha maneira que ha permitir que no futuro teñan unha relación máis natural e gozosa cos diferentes ámbitos artísticos, e tamén que se sintan motivados para desenvolver as súas propias capacidades creativas.

Se este proceso, ademais, se fai en galego, mel nas filloas! A nosa lingua segue moi necesitada de impulsos positivos que axuden a normalizar a súa situación e a fagan estar presente na vida das crianzas, especialmente en contextos nos que isto non está garantido, caso da maioría dos entornos urbanos. Por poñer un exemplo, resulta do máis habitual que na nosa biblioteca moitos pais e nais soliciten un libro para os fillos e que, estando este dispoñible, o acaben rexeitando polas dificultades que teñen os pequenos e pequenas para a súa comprensión. Esta anomalía na relación co idioma propio entendemos que debera facernos reflexionar sobre dous aspectos: colectivamente, sobre o fracaso dun modelo educativo que non é capaz de garantir o coñecemento axeitado das dúas linguas oficiais, mais tamén individualmente sobre os propios problemas de (auto) estima que padecemos en relación á nosa cultura e identidade.

MATERNIDADE E CREACIÓN

Un dos fenómenos que están a protagonizar o momento actual da nosa cultura é o da aparición de diferentes traballos artísticos que teñen como punto de orixe a experiencia da maternidade.  A xornalista Carme Vidal recolle  esta cuestión no número 144 do semanario Sermos Galiza (7 de maio de 2015) nun artigo titulado “As maternidades irrompen na cultura”.

Guadi Galego, María Lado, Susana Seivane, Mónica Alonso… diversas son as creadoras de noso que están a reflectir nas súas obras a experiencia de seren nais. A primeira delas faino nun disco igual de bonito que de exitoso, Lúas de outubro e agosto, que está a ser a gran sensación do ano na música galega.  Con cancións como Mergullei, Sentir ou co videoclip Matriarcas mesmo conseguiu “levar  a maternidade a primeiro termo do debate cultural”, xerando unha sucesión de artigos de voces como Helena Miguélez ou Carme Adán. Ao respecto do tema a autora sinala que “foi unha revolución, non contabamos con tanta aceptación. Converteuse en viral. Defendo que ese sentimento do matriarcado existe en Galiza e esa maneira de verbalizalo con música fixo que moita xente se sentise próxima”.

Seguindo no campo da música, a gaiteira Susana Seivane vén de presentar o seu novo single Esperando a Fiz, adianto do disco no que quixo recoller todas as emocións do embarazo e da posterior chegada ao mundo do seu primoxénito Fiz. É, nas súas propias palabras, “un disco romántico, evocador e inspirador” onde a artista centra por vez primeira as súas creacións nun público claramente familiar, para pais, nais, fillos e fillas.

Mudando das cancións á escrita, moi recomendábel é o libro de poemas Oso, mamá, si? da ceense María Lado, na que a poeta evoca o que a maternidade ten “de bonito mais tamén de doloroso”. O libro comeza no parto e trata temas diversos, da volta traumática ao traballo á vivencia dos medos e ilusións que provoca achegada dunha nova criatura. O libro engarza dalgún modo co clásico Darío a diario, no que a desaparecida Xela Árias visitaba a súa experiencia da maternidade e que hoxe está considerado como o claro precedente de toda a literatura posterior que abordou, dun ou doutro xeito, o tema (Teresa Moure, Inma López Silva, …).

montaxe

UN MUNDO DE MÚSICAS INFANTÍS

Se a presenza da maternidade na creación de noso é fenómeno que ocupa o presente da nosa cultura, a vitalidade da escena musical galega dirixida ao público infantil leva sendo noticia feliz dos últimos anos.

Mamá Cabra, Migallas, Pirilampo, Pablo Díaz, Magín Blanco, María Fumaça, … son algúns dos nomes que se están a facer habituais para o lecer dos nosos nenos e nenas, sexa en actividades e concertos ao vivo sexa en formato físico para desfrutar no espazo familiar. Pola imposibilidade de ir desenvolvendo unha a unha todas as propostas que consideramos de interese facemos unha única recomendación xeral: visitade e mergulládevos no blog Aliali.gal, que recolle boa parte da oferta hoxe existente.

A maior abondamento, achamos que resulta tamén de interese constatar a tendencia, cada vez máis habitual, que leva a artistas da escena pop adulta a se interesar pola creación de músicas para a infancia, tanto en Galiza como fóra dela. Casos relevantes que vos convidamos a coñecer son os da galega Uxía, a brasileira Adriana Calcanhotto ou as integrantes dos grupos indie asturianos Nosotrash e Pauline en la Playa. A primeira é impulsora de traballos como María Fumaça, Rosalía Pequeniña ou Xiqui xoque fiú fiú, de éxito notable nos últimos anos, a segunda muda en Adriana Partimpim cando elabora coloristas e delicados discos para os máis pequenos e as terceiras crearon Petit Pop para tocaren pop e rock para os fillos e fillas dos colegas e delas mesmas.

Como vedes, as posibilidades ás que se achegar son moitas e ben variadas. Agardamos que nos parágrafos anteriores atoparedes motivos para afondar máis pola vosa conta nas diferentes propostas que fomos citando e que, coma nós, compartades o desexo dun futuro cheo de primaveras para a nosa lingua e os nosos pequenos e pequenas.

Advertisements

Posted on Maio 12, 2015, in A bebeteca recomenda, Novas and tagged , , , , , , , , , , , , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: